O Programa Rosalia xunta por primeira vez as mulleres de catro concellos
A iniciativa, na que participan os concellos de Sandiás, Xunqueira de Ambía, Rairiz de Veiga e Vilar de Barrio, prevé atender a preto dun cento de veciñas nesta edición.
O Programa Rosalía incluirá por primeira vez unha escola de benestar e cursos de empoderamento para as mulleres
Onte a tarde a Casa de Cultura de Sandiás foi o escenario no que se presentou o Programa Rosalía, unha iniciativa de xestión compartida e na que participan catro concellos da provincia. Ao acto asistiron o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso; os seus homólogos de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, e Vilar de Barrio, Manuel Conde, ademais do tenente de alcalde de Xunqueira de Ambía, Francisco Javier Nogueiras, e a directora de Red Talento e coordinadora do programa, Laura Seara.
Os cursos, que comezarán a próxima semana, inclúen 100 horas de atención laboral, xurídica e psicolóxica e diríxense a todas as mulleres co obxectivo de fomentar as súas habilidades laborais e persoais, ademais das súas capacidades profesionais e autoestima. Nesta edición, por primeira vez, ofrecerase unha escola de benestar e cursos de empoderamento, ademais de formación específica para a planificación económica de cara a xubilación, entre outras iniciativas.
O programa Rosalía, financiado pola Xunta de Galicia e que acadou unha alta valoración por parte dos seus equipos técnicos, comezará a próxima semana e as interesadas poderán obter información nas páxinas web e redes sociais dos concellos participantes.
Cómpre destacar que se trata dunha iniciativa de xestión compartida que une a catro concellos gobernados por diferentes grupos políticos e que unen as súas forzas para que as veciñas poidan acceder aos cursos e incrementar así a súa autoestima e motivación, ao mesmo tempo que reciben asesoramento personalizado para o acceso ao emprego e autoemprego.
En exclusiva para Dendealimia, Laura Seara (directora de Red Talento e coordinadora do programa), xunto cos alcaldes participantes, fixeron unhas declaracións sobre o Programa Rosalía:
- "Este programa ten como obxectivo principal o empoderamento das mulleres, a mellora da calidade de vida das mulleres, a loita contra a violencia de xénero pero sobre todo a mellora da calidade, da promoción da igualdade." Laura Seara
- "Destacar dende un concello do rural, como é Rairíz, e o resto de concellos que nos acompañan aquí, tanto Vilar de Barrio, como Xunqueira de Ambía, como Sandias. Que esta actividade para nos e para as nosas mulleres do rural é moi importante, sobre todo que poidan acceder a este tipo de actividades ao igual que o poderían facer nunha gran cidade." Asunción Morgade (Alcaldesa de Rairíz de Veiga)
- "Estamos contentos con haber podido participar neste tipo de iniciativa, subliñar as palabras de Laura. Somos 4 concellos, cada un dunha cor política distinta, un alcalde do bloque, unha alcaldesa do Psoe, un alcalde do PP e un alcalde dunha agrupación electoral como é a nosa. Estamos todos aquí encantados de levar este programa adiante. Os concellos nosos, son concellos moi pequenos e indo da man todos xuntos chegamos mais lonxe." Felipe Traveso (Alcalde de Sandiás)
- "Agora temos que tentar que as mulleres, que son as mais activas que hai no concello de Vilar de Barrio, participan nas actividades unhas 200 persoas e cónstame que no resto dos concellos tamén, son o 90% mulleres. As mulleres meréceno todo e mais, e as administracións públicas moitas veces non estamos a altura. Gracias Felipe, gracias Asun, gracias Fran por traballar conxuntamente con nos." Manuel Conde (Alcalde de Vilar de Barrio)