Mesa redonda sobre a masificación dos Entroido con escasa participación
A mesa redonda puxo de manifesto que a situación de cada Entroido é única e persoal
O pasado sábado 25 de maio, ás 19:00 horas, o Museo Galego do Entroido en Xinzo de Limia foi o escenario dunha mesa redonda, onde se debateu sobre a problemática da masificación no Entroido galego. Aínda que inicialmente estaba previsto que asistise o Entroido de Salcedo, finalmente participaron representantes do Entroido da parroquia de Sande, Cartelle, xunto cos de Xinzo de Limia e Viana do Bolo.
A mesa redonda puxo de manifesto que a situación de cada
Entroido é única e persoal, o que fai que non se poidan comparar directamente
entre eles. O Entroido foi identificado como un motor económico fundamental
para as zonas rurais despoboadas, pero sen unha correcta xestión existe o risco
de "morrer de fama" ou que as aldeas non sexan capaces de absorber o
volume de xente que atraen.
Outro dos temas discutidos foi a pertinencia de Entroidos
que visitan outros Entroidos. Descontextualizar o rito e aos oficiantes ao
sacalos do seu entorno natural foi visto como un erro, concluíndose que nunca
se debería facer durante o ciclo de Entroido.
O distintivo de Ben de Interese Cultural (BIC) tamén xerou
controversia. Algúns participantes crían que só serviría para desvirtuar a
tradición, incrementando a masificación de forma máis rápida, mentres que
outros víano como unha oportunidade para protexer os Entroidos fronte a plaxios
e apropiacións indebidas.
O debate sobre a viabilidade dun Entroido sen visitantes foi
intenso. Nas grandes vilas, parece posible manter a tradición, pero nas
pequenas aldeas, onde o despoboamento e a falta de relevo xeracional son
críticos, parece difícil que poida sobrevivir.
Tamén se abordou se a tradición debe adaptarse ao avance da
sociedade ou se permitir cambios sen restricións implica renderse ao turismo,
pondo en risco o rito tradicional.
A mesa redonda abriu moitos temas de debate sen pretender
pechalos, senón poñer sobre a mesa cuestións que preocupan a moitos
entroideiros e entroideiras.
Ao remate da charla, o público gozou dun concerto do dúo
arxentino Perrito Piloto, no marco do Tangaraño, organizado por Rochi Novoa.