O matadoiro móbil da Xunta estivo en Lodoselo

O matadoiro móbil da Xunta estivo en Lodoselo

Esta unidade facilita o sacrificio de cordeiros, ovellas, cabras e porcos optimizando a xestión destas explotacións

Este luns, 27 de maio, tivemos o matadoiro móbil da Xunta en Lodoselo. A pequena explotación de ovino do CDR O Viso vese así favorecida ao poder sacrificar aquí, de maneira legal, os animais que criamos para o noso autoconsumo. Xa tentamos encargar antes esta prestación, que leva operativa case todo este ano, pero non foi posible ata hoxe.

O principal obxectivo deste servizo é mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións gandeiras de pequeno tamaño de zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais.

Esta unidade facilita o sacrificio de cordeiros, ovellas, cabras e porcos optimizando a xestión destas explotacións ao reducir os custos de transporte do gando e mellorando ao tempo a calidade da carne e o benestar animal.

Os prezos do servizo oscilan entre os 10 euros para animais ovinos e caprinos menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación da canle) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución.

Desde o ano 2012 temos dada de alta unha explotación ovina; trátase da ovella de raza galega e algunha mestiza. Grazas ao Inorde e ao Instituto do Campo puidemos empezar con cinco e grazas ás veciñas e veciños, que nos deixan terreos nos que viven e outros nos que as pastoreamos. Son un elemento máis do Poboo escola con todas as achegas que supoñen a maiores das educativas. Porque o pastoreo ademais dun oficio antiquísimo está considerado unha profesión de futuro.