MANEXO IDIOMÁTICO

MANEXO IDIOMÁTICO

            -Polo que máis queiras sálvame e os dous xatos que ían quedar para bois son teus.

            Na miña familia lévanse contado, de xeración en xeración, diversas anécdotas dos devanceiros, pero hai unha especial, que salienta o valor das palabras ditas no intre xusto, na cantidade exacta, sen oportunidade para o que falou primeiro.            

Parto casa

Un bisavó meu, ou aínda máis para atrás, tiña por gran amigo a un médico; compañeiros de caza, de tomar uns viños e ambos tamén seareiros dos libros, polo que compartían unha amizade sólida e que permanecía sen fenda algunha. Quixo a desgraza que o meu devanceiro sentírase mal de verdade, polo que a familia foi chamar ao seu amigo médico, chegando o doutor á maior brevidade que lle foi posible, sendo que o doente, que lle vía os cairos á morte fíxolle unha promesa.

            -Polo que máis queiras sálvame e os dous xatos que ían quedar para bois son teus.

            O médico fixo ben o seu traballo, ou a fortuna púxose do lado do enfermo, pero o caso é que sandou e ás poucas semanas estaba totalmente recuperado. Pasou o tempo, os amigos continuaban coas súas facetas, cazar, beber, ir de cando en vez a algunha das nosas cidades a mercar libros, pero da promesa efectuada nada se concretaba.

            Un día o médico viu ao meu antepasado cos animais, que pasados os meses xa ían medrados, así que decidiu achegarse ao prado onde o seu compañeiro ollaba aos sementais, que pacían con tranquilidade, con ollos de admiración, e ceiboulle.

            -Non serán estes os cuxos que ías deixar para bois e me prometiches cando vin  salvarte fai uns meses?

                Collido na allada, o meu parente manexou o idioma con exactitude, con habilidade.

            -Si carallo, como deliraba!

            O outro día aínda comentaba, no Centro Social de A Filgueira (Porqueira), o caso do médico psiquiatra, na Audiencia de Ourense, que fora levado como perito a un xuízo de índole penal, xa fai uns anos, e mentir, mentir, o que se di mentir, non o facía, pero mantiña que o acusado, si pero non, non era consciente dos actos que realizara e agora xulgaban. O Presidente da Audiencia, farto de que o doutor dera pases máis propios dunha praza de touros ca dunha sala de xustiza, farto repito, preguntoulle.

            -Diga dunha vez, o acusado tiña ou non tiña lagoas mentais no momento dos feitos?

            Novamente o manexo idiomático, o saber fuxir da situación, o naquel momento perito, moi serio respondeu ao Señor Presidente da Audiencia.

            -Máis ben tiña “charquitos”

            Sempre animo á xente moza á lectura; xa sei que existen persoas que nacen cun don natural para a palabra, pero é como todo, se a exercitas estarás máis preparado, e o máis preparado en tal faceta saberá vender mellor o produto que faga ou as súas propias habelencias, e se un deportista adestra, coa palabra pasa igual; se alguén tivo a sorte de nacer dotado en tal materia coa lectura aumentará as súas posibilidades de forma esaxerada, e senón naciches co tal don, polo menos darache armas para que poidas defenderte.

            Eu escoitei nunha ocasión unha pelexa entre dúas mariscadoras, cos raños na man, e o consecuente perigo de que se esmagaran, menos mal que a cousa só quedou en palabras, pero que palabras, cando unha ceiboulle á outra.

            -Vou dicir o que ninguén te chamou, muller honrada.

            Colosal!

XOSÉ LOIS BREA SANMARTÍN