Anticipo do ESQUECEMENTO 2024

Xinzo de Limia retrocederá no tempo coa celebración das Vestalias

Presentación das Vestalias 2024
Xinzo de Limia retrocederá no tempo coa celebración das Vestalias

As virxes Vestais eran as encargadas de manter o lume sagrado e desempeñar rituais que aseguraban a protección e a continuidade da cidade.

A Praza Maior de Xinzo de Limia vestirase de gala este 8 de xuño, de 20:00 a 22:00 horas, para acoller a primeira edición das “Vestalias”, un evento de recreación histórica organizado pola A.C. Civitas Limicorum en colaboración co Concello de Xinzo. Esta xornada promete revivir o espírito da antiga Roma, mergullando aos asistentes nunha atmosfera única de historia e tradición.

As Vestalias eran unha festa importante na antiga Roma adicada a Vesta, a deusa do fogar, cuxo culto estaba centrado na conservación do lume sagrado. Este festival honraba ás Virxes Vestais, encargadas de manter este lume e desempeñar rituais que aseguraban a protección e a continuidade da cidade. A recreación das Vestalias por parte da A.C. Civitas Limicorum ten un significado especial, xa que reflicte o compromiso da asociación coa promoción e a educación sobre a historia romana, semellante ao que demostran anualmente coa Festa do Esquecemento.

O programa da noite comezará ás 20:00 horas cun desfile de escolta romana das Vestais, seguido ás 20:15 por interpretacións da Banda Achicoria con marchas romanas. Ás 20:30, celebrarase o acto central denominado “Vestalias”, no que participarán as Vestais da Civitas Limicorum e as chegadas de Asturica Augusta. A continuación, ás 20:45, terá lugar unha cerimonia de iniciación para unha nova vestal, destacando o compromiso continuo coa tradición e a cultura.

Un dos momentos máis esperados será ás 21:00, co espectáculo “Magna Vestae”, que mesturará impresionantes exhibicións de lume e acrobacias. O evento pecharase ás 21:45 cun segundo desfile de tropas romanas, que rematará a celebración coa grandeza característica das recreacións históricas.

Mentres nos preparamos para este emocionante evento, lembramos que faltan menos de tres meses para a Festa do Esquecemento, outra das nosas principais celebracións, que tamén serve para destacar e promover a nosa rica herdanza cultural. Este ano, a vixesimocuarta edición do Esquecemento será os días 23, 24 e 25 de agosto.