O BNG QUERE LEVAR A BRUXELAS O TRÁFICO DE XINZO

O BNG QUERE LEVAR A BRUXELAS O TRÁFICO DE XINZO

 Mirian Opazo, candidata limiá ó Parlamento Europeo e responsable local da organización, adquiriu o compromiso de traballar con Ana Miranda para levar a Bruxelas o problema de mobilidade de Xinzo de Limia. 

O BNG, que se lamenta de que a obra das avenidas tantas veces anunciada non teña avanzado e se consuman prazos ata poñer en risco o proxecto, ten denunciado en diferentes ocasións a falta dun plan xeral de mobilidade en Xinzo que ofreza solucións alternativas para, especialmente, evitar o paso do tráfico pesado polo medio da vila. Mirian Opazo xustifica a necesidade recordando que “o 25 de abril viamos como un camión non eran quen de manobrar no cruce entre a xeral e a rúa 2 de maio, o que é un risco que viñamos xa denunciando”.

Opazo mantén que “o peso estratéxico do sector primario é indiscutible e supón o garante económico e social da comarca, polo que precisa de apoios ambiciosos e modernos que lle faciliten, por exemplo, o transporte. Isto tamén beneficia ó outro sector clave, o do comercio e a hostelería”.

A circunvalación sur de Xinzo ten sido defendida polo Bloque en diferentes ocasións. A última, nas eleccións municipais de 2023, cando se reclamaba o apoio das Administracións para acometer unha solución eficaz e definitiva a un problema que afecta á veciñanza.