Xuntanza de familias do CDR O VISO en Lodoselo

Xuntanza de familias do CDR O VISO en Lodoselo

O pracer de xuntarnos en comunidade

O pasado sábado volvéronse a xuntar en Lodoselo arredor de 130 persoas para celebrar o tradicional encontro das familias da Limia. Comezaron a chegar as primeiras familias sobre as dez da mañá e marcharon as últimas contra as dúas da tarde e nese espazo de tempo foron recibidas polo persoal e voluntariado do CDR O VISO cunha misión clara: gozar dun lecer saudable e rural en familia

21 11 3 10.admin.DSC 0380 web

Na presentación aproveitaron a compartir a campaña “Racha coas redes da dependencia dixital“, pedíndolles ás persoas participantes facer un uso responsable do móbil durante a xornada, para o cal se lles agasallou cunha bolsa para gardar o teléfono e sacalo o mínimo. A proposta foi pensada para evitar a aglomeración de móbiles sacando fotos das fillas e fillos, anunciándolles que as sacarían a Miriam e a Sarai e que se lles pasarían nos vindeiros días; o certo é que as familias acolleron moi ben a proposta e foron exemplares durante toda a mañá. Queremos aproveitar cada ocasión para animar ás familias a repensarmos o uso que facemos do móbil e a repercusión nas nenas e nenos.

A mañá transcorreu con calma e gozo: sacamos as ovellas da corte cara o destro, enredamos coa Muma e o Eo, amasamos co Camilo no forno comunitario de Lodoselo, experimentamos no Xardín dos Sentidos coa Pili e o Eloi, paseamos na burra Terra co Toño e coidamos os animais coa Estela

21 11 1 57.admin.DSC 0113 web

Os tres grupos ían acompañados polo persoal e voluntariado do CDR, e cando todos remataron xuntáronse  no albergue.

A xornada non puido ter mellor peche, e todas as que alí estaban, xunto coas persoas maiores da vivenda comunitaria, gozaron do bo facer da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy no concerto “O Son que me Arrola“, unha proposta musical fermosísima na que a Doris, a Iria e a Azucena combinaron a nosa música tradicional, os arrolos, os elementos da natureza, o material de refugallo… e moita sabedoría popular, para facernos cantar e bailar en comunidade.
Para as persoas que traballamos no CDR O VISO esta xuntanza é sempre un pulo de enerxía para seguir camiñando e implicándonos coa nosa veciñanza.

21 10 50 31.admin.DSC 0061 web

Esta actividade foi posible grazas ó financiamento obtido da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, dentro do programa Familia e Comunidade.