Os veciños de Nanín en Lobios síntense maltratados segundo din os socialistas
As e os socialistas visitaron a aldea na compaña de varios veciños e veciñas para comprobar, unha vez máis, as “graves” deficiencias que vive a diario a veciñanza por mor do “desprezo” co que María del Carmen Yáñez e o seu equipo de goberno tratan a este lugar
O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia o “desleixo” e o “abandono” ao que se ve sometido o núcleo de Manín e a súa veciñanza por mor do “maltrato” e a “inacción” da alcaldesa do Partido Popular, María del Carmen Yáñez. As e os socialistas visitaron a aldea na compaña de varios veciños e veciñas para comprobar, unha vez máis, as “graves” deficiencias que vive a diario a veciñanza por mor do “desprezo” co que a rexedora e o seu equipo de goberno tratan a este lugar.
Dende o grupo municipal socialista de Lobios lembran que levan máis dun ano presentando escritos no concello para dar solucións aos problemas e carencias que sofre a diario a veciñanza de Manín, pero tal e como apuntan “só obtivemos a calada por resposta. As e os socialistas critican que a rexedora “prefire mirar para outro lado, en lugar de buscar solucións aos problemas que sofren os veciños e veciñas”.
Curiosamente, a mesma mañá na que o PSdeG-PSOE de Lobios visitou Manín, a alcaldesa decidiu enviar as brigadas a desbrozar e limpar de maleza o camiño principal deste núcleo de poboación. Neste senso, as e os socialistas afirman que “parece que a rexedora só actúa cando sabe que imos ir a un núcleo de poboación” e subliñan que “se temos que visitar todos os núcleos de poboación e denunciar o desleixo que sofren para que a alcaldesa actúe, que ninguén dubide que así o imos facer”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, critica que en Lobios “haxa veciños e lugares de primeira e de segunda” e destaca que a alcaldesa, María del Carmen Yáñez “só axeita e da resposta as reclamacións daqueles lugares que a ela lle interesan e na que saen beneficiados concelleiros e votantes ou ve a posibilidade de sacar rédito político”. Unha situación que para o edil socialista “é inadmisible, pois un cargo público debe gobernar para a toda a veciñanza, sen importar as siglas, a ideoloxía ou o equipo de fútbol ao que pertenza”.
As deficiencias en Manín son numerosas e basta con achegarse ata este núcleo de poboación para comprobalo. A veciñanza leva anos reclamando que se bote unha planchada de cemento na marquesiña na que os cativos e cativas agardan o transporte escolar, xa que tal e como explican dende o PSOE de Lobios “nos días de choiva fórmanse innumerables charcos e lama, que provoca que as crianzas enchoupen os pés”. A pesar dos numerosos escritos presentados, a rexedora ignorou unha e outra vez as reclamacións.
No lugar de Manín, as e os socialistas tamén denuncian a ausencia de contedores de lixo, a falla de canalizacións e de elementos para a recollida de augas pluviais ou a presenza dun poste da luz en risco de derrubamento dende fai meses e ante o que non se toman medidas. “O camiño principal está cheo de fochancas e nalgunha zona o paso de vehículos en caso de emerxencias é imposible”, apunta Patrick Rodríguez.
O voceiro dos socialistas de Lobios tamén pon como exemplo o acontecido co camiño que vai a capela de Santa Eufemia e que tal e como explica “atopábase en mal estado e presentaba risco de derrubamento, pero a pesar dos escritos presentados polo PSOE, o goberno municipal nada fixo, ata que caeu e non tivo máis remedio que vilo arranxar”.
“Dende o PSdeG-PSOE de Lobios seguiremos atendendo as reivindicacións, necesidades e inquedanzas da veciñanza, a vez que traballaremos arreo por un Lobios mellor e que teña posibilidades reais de futuro”, finaliza o voceiro socialista, Patrick Rodríguez.