O BNG reaccionou en 24 horas ás declaracións de Moncho Gómez
Solicita a convocatoria dun pleno extraordinario urxente para aclarar a situación en que queda o grupo de Goberno
O Bloque Nacionalista Galego, que ten exercido unha labor de responsable oposición baseada no seguimento da xestión do Grupo de Goberno de Xinzo e na achega constante de propostas de mellora ou iniciativas de marcado interese público e veciñal ó longo do último ano, asiste con fonda preocupación ás declaracións emitidas polo Concelleiro de Obras e Urbanismo ante a prensa no día 5 de xullo.
Ante isto, o BNG, a través do seu voceiro municipal, Camilo Vila, e do vicevoceiro, Manuel Pozo, manifesta:
- Esiximos a estabilidade institucional que require a xestión do Concello polo que é absolutamente urxente aclarar cal é a situación do Grupo de Goberno.
- Observamos con indignación, aínda que sen sorpresa, a traizón do Partido Popular ó Concello de Xinzo ó non asumir os compromisos adquiridos.
- Denunciamos o abandono que o Partido Popular, a través da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, profesa a Xinzo de Limia, coa complicidade dos seus deputados e deputadas.
- Recordamos que a situación de extrema gravidade financeira do Concello se xerou baixo o mandato do propio Partido Popular en Xinzo.
- Lamentamos a falta de liderado e capacidade de xestión do alcalde do Concello de Xinzo de Limia, totalmente ausente nas cuestións de interese social, carente de equipo e plan de traballo e entregado ós desexos e mandos do Partido Popular.
Por todo o anterior, o Bloque Nacionalista Galego de Xinzo de Limia esixe a convocatoria dun Pleno Extraordinario con carácter urxente.