Do 14 O 28 de xullo na serra do Larouco en Baltar
Presentado o campionato nacional de Parapente a celebrar en Baltar
A proba, organizada polo club de Parapente Baltar coa colaboración do concello, conta coa participación de 135 pilotos
Esta mañá na sede da Xunta de Galicia en Ourense foi presentada a 36ª edición do Campionato de España de Parapente 2024, que se desenvolverá na serra do Larouco, concello de Baltar, do 14 ao 20 de xullo.
Estiveron na presentación ademais do delegado territorial da Xunta, o alcalde de Baltar José A. Feijoó e membros do comité organizador do club de Parapente de Baltar.
O representante do Goberno galego recalcou a intención de consolidar a nosa provincia como un destino ambiental, social e economicamente sostible procurando a responsabilidade de todos os axentes no desenvolvemento equilibrado e a longo prazo. Salientou, ademais, a importancia dos produtos asociados ao turismo activo e recordou que, para seguir avanzando na súa posta en valor, o Goberno autonómico traballa na elaboración da futura folla de ruta do turismo de Galicia, a Estratexia do Turismo de Galicia 2024-2030 da man da sustentabilidade e dixitalización, entre outros aspectos.
Esta proba é a primeira vez que se desenvolve en Galicia e por suposto na serra do Larouco en Baltar.
Na mesma participan 135 pilotos de toda España, o máximo nº de participantes que permiten as normas do campionato.
A Serra do Larouco está situada entre o Concello de Baltar (España) e o Municipio de Montalegre (Portugal). Esta cadea montañosa granítica esténdese ao longo de 10 km de NE a SW ofrecendo unhas excelentes condicións para o voo de Cross. Alcanza os 1.525 metros no seu punto máis alto (despegue) e ofrece a posibilidade de despegues en todas as configuracións: N,S,E e W.