A LIMIA EXPRESA O SEU REXEITAMENTO ÁS MINAS A CEO ABERTO

A LIMIA EXPRESA O SEU REXEITAMENTO ÁS MINAS A CEO ABERTO


Recollidas 200 alegacións contra o proxecto Novo Frixo durante a feira de Xinzo de Limia.

Este sábado, durante a feira de Xinzo, nunha mesa informativa recolléronse preto de 200 alegacións contra Novo Frixo e distribuíronse outras tantas. O prazo para o rexistro de alegacións remata o luns 22. A campaña nos puntos de recollida darase por rematada o día anterior, domingo 21, para poder levar a cabo o rexistro de todas as alegacións dentro do prazo.

Mesa recollida de alegacións na feira de Xinzo este sábado (1)


Os puntos de recollida habituais están activos en Xinzo, Allariz, Ourense, Bande e, nos próximos días, tamén en Vilar de Santos. Sumáronse puntos de recollida en Sarreaus e Cualedro. O obxectivo é mostrar o rexeitamento social a este tipo de explotación industrial tremendamente agresiva contra o territorio. Pódense consultar nas redes sociais e na web xurescelanova.fala.gal

Nos próximos días, as plataformas informarán doutras accións e porán  á disposición da veciñanza os documentos presentados pola promotora para iniciar os proxectos que ameazan un amplo territorio nos concellos de Sarreaus, Laza e Cualedro, na Limia; así como de Verín, Vilardevós e Oímbra, na comarca veciña de Monterrei.