Novo reproche de Elvira Lama ao alcalde
Pola súa ausencia na comunicación da aprobación definitiva da urbanización da Avd. de Ourense
O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia considera “inadmisible” a actitude do alcalde, Amador Díaz, que a semana pasada decidiu ausentarse da presentación do proxecto de humanización da N-525, para ir a recoller un premio do seu negocio persoal a Madrid. As e os socialistas pregúntanse “cales son as prioridades do rexedor?” e láianse de que estea máis preocupado por cuestións persoais que doutras que afectan a todo o municipio.
Dende o grupo municipal socialista explican que a pasada semana a subdelegación do Goberno convocou en Ourense aos representantes políticos de Xinzo para a presentación do proxecto de humanización da N-525 ao seu paso polo municipio. Para sorpresa dos presentes, o rexedor non acudiu a dito acto, pero tal e como apuntan as e os socialistas “horas despois coñeciamos que o motivo da súa ausencia é que estaba en Madrid recollendo un premio polo seu negocio de patacas”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, afirma que “para ser alcalde, os intereses de Xinzo de Limia sempre deben estar por riba dos intereses propios”. A edil socialista subliña que ante estes acontecementos e despois dun ano de mandato de Amador Díaz “temos claro que só lle interesa o seu e que Xinzo e a veciñanza non lle importan nada”.
“Como pode un rexedor ausentarse da presentación dun dos proxectos máis importantes e transformadores da historia de Xinzo, como é a humanización da N-525, para ir a Madrid a recoller un premio persoal e alleo ao seu cargo de alcalde?”, pregúntase Lama Fernández. A voceira socialista insta a Amador Díaz a “pensar máis en Xinzo e na súa veciñanza e menos nos seus egos persoais” e lembra que nun ano de mandato o municipio e a cidadanía “segue agardando polos proxectos prometidos por Díaz, que a día de hoxe son unha utopía”. Neste senso tamén afirma que o actual alcalde “segue vivindo dos proxectos conseguidos polo anterior equipo de goberno encabezado polo PSOE, e non hai nin rastro de novos investimentos”.