Un limiao na ponte cultural.

A Pantalla, tamén está na exposición
Un limiao na ponte cultural.

Hai un espazo acondicionado como auditorio en cadanseu extremo da ponte, onde actúan alternativamente artistas emerxentes.

En Moaña, a vila na que resido durante o verán, apareceu un sábado de inverno. Sen querer, sen avisar e case que a traizón. O ceo cubriuse, tinxiuse de cinza pouco a pouco e, xa que logo, botouse a chover. Non é que chovese a cachón, nada diso. Unha poalla babuxenta, de pingas finísimas, tirou os paraugas, xa case esquecidos pola xente, do seu último acubillo. Para máis semellanza, faltaban postos na feira (aquí, hainas todos os sábados pola mañá, e tamén os mércores) tal coma no inverno, onde hai feirantes que non veñen agoirando que o mal tempo impedirá unha boa xornada de vendas.

Porén, o domingo amenceu luminoso, cun sol de verán que aquecía xa de mañá. Erguinme cedo e dediquei un par de horas á escrita. Pola fiestra aberta do cuarto onde escribo, sentado nunha cadeira que foi do meu avó Manatas, as palabras que xurdían na miña mente ían nacer no folio en branco da pantalla do computador. Dende os árbores veciños chegábanme os ruídos da mañá tranquila, o canto dunha rola e o chiar duns paxaros pequenos que aínda non fun quen de identificar.


Cats3

Varias mostras de caretas da exposición

Ao mediodía, toda a familia fomos xantar a Vilanova de Cerveira, terras de Cervaria que así lle din por aqueles eidos, para despois, á volta, camiñar pola ponte internacional sobre o Miño e apreciar as actividades que se desenvolvían alí co IKFEM, o festival Tui-Valença, que principiou este ano cun marabilloso concerto na Fortaleza de Salvador Sobral e Marcos Mezquida o pasado xoves 17 de xullo. Lin as mellores críticas sobre este concerto, pois a estas cousas que caen en días de traballo a maioría das veces non cadra poder asistir. O festival acolle tamén durante varios días en distintos puntos de ambas as dúas cidades, outro tipo de actos culturais, como mesas redondas e debates.

A chuvia do sábado tivo a súa parte boa, pois a Ponte Creativa Enogastronómica prevista para ese día tivo que trasladarse ao domingo. A vella ponte de ferro acolleu actividades musicais, artesanía e mostras de cociña típica con degustación de produtos. Hai un espazo acondicionado como auditorio en cadanseu extremo da ponte, onde actúan alternativamente artistas emerxentes. Nese intre unha rapaza portuguesa daba un concerto no extremo daquel lado da raia e detívenme a escoitala. Cantaba cunha fermosa voz acompañada tan só pola guitarra que tocaba. Despois de varias cancións en portugués, cantou unha versión (os entendidos dinlle agora cover) dun tema clásico de Bob Dylan, Boots of spanish leather, que non puiden evitar gravar.

Foi unha delicia percorrer devagar ese traxecto da ponte, inzado de casetas expositoras e atopármonos nel coas máscaras do amigo Xusto Gude, fillo dun meu mestre de Xinzo, que conforman o proxecto Máscaras do mundo, merecente do Premio Talento Eurorexion 2024. Abeirando a pantalla do noso entroido, vin a máscara Kabuto Hannya de Xapón, o chocalheiro portugués de Bemposta, o guirrio de León, o careto luso de Podence, o dan chinés, o bali indonesio, o lechón da República Dominicana, o mamuthon da Cerdeña italiana, o guille do Binche belga, o jarramplas de Cáceres e moitas máis, entre elas case todas as típicas do entroido ourensán e galego. Unha exposición mestura de cores e formas que ninguén debería perderse, unha creación pola que o seu autor merece todos os parabéns. Por certo, había varias máscaras de diaño, con cara de poucos amigos. Gustaríame  pensar que foron elas as que espantaron á chuvia.

Rafael Laso Lorenzo