Cortes de auga en varios pobos de Trasmiras

Cortes de auga en varios pobos de Trasmiras

Vilar de Lebres, Rabal e Abavides.quedaronse sen auga da traida, sen previo aviso, denuncia o BNG de Trasmiras

O domingo pola mañá, varios dos nosos concelleiros/as, mantivemos unha reunión cos veciños e veciñas de Vilar de Lebres, a petición de varios deles.

Querían comunicarnos que estiveran varios días sen auga da traída a semana pasada, en plena festa das Neves, algo que xerou un gran malestar entre a veciñanza desta aldea. ¨Coa casa chea de invitados e invitadas e non temos auga para cociñar, lavar a louza ou para algo tan básico como ir ó baño, e sen previo aviso. É unha vergoña¨. Outros dicíanos: ¨Se os pozos están cheos de auga, pois este ano non hai sequía, cal é a escusa desta vez?¨. Estas foron algunhas das moitas queixas que nos daban.

O problema, segundo a versión telefónica que nos deu o rexedor, debeuse a un atasco na canalización do pozo das Lamas, o que fíxo que o volume de auga que chegaba ó depósito fora inferior, pero cremos que en ningún momento se xustificaría que quedasen completamente sen auga. As palabras do alcalde foron: ¨A semana anterior tiveron días de gastar en 24 horas 41m³ e a semana das festas, o día que menos auga entrou no depósito, foron 25m³. Non se tomaron outras medidas porque entraba auga, menos, pero entraba. O que teñen que facer as veciñas e veciños é administrala o mellor posible, porque teñen consumos excesivos".Versión esta que contrasta coa dos alí asistentes, que falaban de que a auga se cortou varias veces, quedando sen ela varias horas; ¨De repente viña con moitísima presión; de repente pouca auga. E así varios días¨. Moitos deles presentáronse no concello para protestar e queixarse, pondo reclamacións, mesmo ó valedor do pobo, ou ó alcalde, pero poucos conseguiron localizalo no seu despacho.

As peticións que nos trasladaron para levar ó seguinte pleno foron:

- que cando haxa avarías, se informe con bandos a veciñanza, cousa que neste caso non se fixo en ningún momento.

- que se limpen e manteñan en condicións as conexións existentes, xa que cren que o problema destes días é pola falta de mantemento da instalación existente.

- que o centro social non teña un horario de uso estipulado dende o concello os meses de verán. Queren que os poucos nenos e nenas que veñen de vacacións poidan ter un sitio onde facer reunións e xuntanzas, e que se acondicione con papeleiras e outros utensilios que lles permita a limpeza a quen o use, e se algo se derrama, que se arranxe, que para iso pagan impostos; cambiar unha billa non é a ruína do concello polo pouco gasto que supón.

- que se reparen as beirarúas da rúa principal e se poden as árbores, xa que estes últimos anos son os veciños e veciñas quen fan este traballo, ante a falta de iniciativa do Concello.

Dende o grupo do Bng Trasmiras, máis que afeitos a escoitar os moitos problemas que padece a veciñanza do noso concello, comprometémonos a pedir e insistir en que se invista nas aldeas de Vilar de Lebres, Rabal, Abavides e Casás para atallar este persistente problema de abastecemento de auga. Non nos serve ver proxectos que non se executan, ou fotos do rexedor coa conselleira de medio ambiente dicindo que pide cartos, pero que logo non se ven nas inversións, porque ano tras ano se repite o mesmo problema de sempre e desta vez non é xustificable co pretexto da sequía.

O que queremos son solucións inmediatas, e que este problema non se volva repetir porque a nosa veciñanza demanda servizos dignos para vivir en condicións. É isto moito pedir?