Café con ... Kid Mount "o neno da montaña"
O meu irmán é o meu principal referente
No Café con... de hoxe seguimos descubrindo aos artistas mais novos da Limia. Esta é a quenda de Kid Mount, Manuel Rodríguez Rodríguez, limiao de pura cepa, seu pai é de Perrelos e súa nai de Folgoso.
Kid Mount con 20 anos recen cumpridos, leva no mundo da música de maneira profesional dende fai 3 anos, moitos o coñeceran pola súa recente actuación no Xinzo Urban Fest, durante as festas da Santa Mariña, e outros por formar parte da Banda de Gaitas e do grupo Lirolaio. Pero nos queremos coñecer un pouco mais da súa traxectoria na música urbana, o seu tema inedito "Santiago 3:10" publicado en exclusiva en Instagram, un tema con claras referencias relixiosas, o día do seu cumpreanos coma un autoregalo, do cal nos conta que:
K: Santiago 3:10 era un tema que non ía sacar, era a intro dun EP que ía facer. Gústame moito meter referencias relixiosas, aínda que non son relixiosos, pero toda a iconografía, a estética relixiosa e a Biblia gústanme. Santiago 3:10 é un fragmento, que di que bendición e maldición proveñen da mesma boca, e como é o de “Ben Mal” que era o meu álbum (2023), gústame xogar con esa dualidade.
Gústame moito xogar coa dualidade porque creo que é un concepto sinxelo pero mazo complexo, que engloba a todo o mundo, o que esta ben o que esta mal, o que me fai ben o que me fai mal. A movida do disco era un pouco, Ben, Mal ou Benmal. Que pode ser de estar ben, mal ou ben mal de moi mal.
Como calquera persoa, a min pásame, un día levántome e teño o ego mellor ou a autoestima mellor e véxome ben e o día seguinte pois non tanto.
Escoitando os seus temas vemos que é un artista o que lle gusta cambiar de xéneros, non quedarse nun só estilo. Atopase nun momento persoal de evolución na busca de estilos diferentes nos que poder expresar o que sinte, xa que as súas letras falan das súas experiencias persoais, pero sempre mantendo a privacidade, é un músico inquieto con moitas ganas de aprender e experimentar.
K: Eu considérome músico a secas, si que estou tratando de tomar unha liña mais firme, porque o final requíreo un pouco. Porque o de Ben Mal xustifícoo un pouco así, porque un día fago un tema prepotente e o seguinte súper triste, porque é a realidade que vive a xente, e a realidade que vivo eu. Eu trato de escribir sempre todo moi fiel a miña realidade, con outras referencias ou con outras cousas, enténdome eu e supoño que a xente que me escoita enténdeme , pero xogo con iso (dualidade).
Eu sinto que a música que fago é urbana, é música urbana en xeral porque dentro dela hai moitos subtipos. Eu empecei con 15 anos rapeando aquí no Toural, cos meus amigos, ou detrás do Lulo de festa, ata que un día me deu por escribir xa con 16.
Escribo moitas cousas e gravo moitas cousas que non saen nunca, porque son cousas miñas. Para min, dependendo da situación tampouco é fácil expoñer certas cousas, hai cousas que me gardo solo para min, como calquera persoa, hai cousas das que non canto. Eu do que falo e dunha realidade recortada, aumentada nunca, inventar nunca invento. Cando escribo penso en min non penso na xente, fago a miña movida.
Dende fai un ano e medio aproximadamente traballa da man do produtor Sky J, que tamén é o seu manager, pero noutras ocasións tamén traballa con Chris Indian. Pertence a axencia de representación de artistas Aaldea Group Music. Asistiu os premios Martin Codax, acompañando a C Mirazo (que estaba nominado), unha experiencia a que sendo tan novo poucos teñen acceso. Kid Mount non so se expresa a través da música senón tamén da súa imaxe persoal, unha imaxe que esta en proceso de construción e na que él mostrase coqueto e perfeccionista.
K: Igual que teño fixación polo relixioso tamén teño fixación polo págano, os dous extremos. Hai algún tema no que saio todo cheo de pinchos e cousas, pero si que me gusta vestirme tolo. Fun os premios Martin Codax, con C Mirazo, que estamos na mesma axencia de representación de artistas “Aaldea Music Group”, e fíxome un deseñador unhas prendas e non me pecho a nada. Gústame a roupa e non me supoñen nada os comentarios, eu podo ir cunha prenda transparente, ou apertada ou curta e dáme igual, a min gústame e na escena galega non hai moito diso.
Xa dende pequeno no pobo saia coa gorra de lado ou cuns pantalóns medio anchos, pero porque me gustaba e nunca me preocupou expoñelas fora. Nunca tiven medo os tabús. Canto mais me expoño a nivel vestimenta mais libre me sinto e síntome ben, e por riba dun escenario é como unha escusa.
A min gústame vestirme ben como calquera persoa, pero pos concertos póñome mais extravagante do normal. Simplemente que pode haber mais exaxeración a hora de da vestimenta ou da actitude.
Como ben diciamos ao principio, a parte da súa carreira dentro da música urban tamén coñecemos a Manuel por formar parte da Banda de Gaitas e do grupo Lirolaio. Os seus inicios musicais foron dentro do folclore tradicional como percursionista, algo que para él é sagrado e ainda non ten claro como introducilo dentro da música urbana.
K: Levo tocando dende moi pequeno, non che sabería dicir exactamente dende cando, supoño que dende os 7 ou 8 anos. Tocando o tambor, meu irmán tocaba a gaita xa e a min gustábame a percusión, e levo tocando ata agora.
Liralaio somos un grupo de amigos, eu estaba na banda e alí fórmanse grupos para ir a alboradas e ir tocar os sitios. A parte dos bolos que teño como cantante, téñoos como tamborileiro tamén, non a parto unha cousa doutra por iso digo que son músico en xeral.
Non meto nada de folclore agora mesmo, porque está nun momento que está moi explotado e non me gusta ir coa ola. O folclore síntoo coma unha parte moi grande de min porque dende pequeno levo indo a foliadas e bailando. Gustaríame facelo mais adiante, co meu produtor, un día reunirnos co meu irmán (gaiteiro) ou con Lirolaio e facer algo orgánico, gústame respectar o tradicional, quero facelo ben, que teña sentido dentro do que este cantando.
Son moi perfeccionista e autoesixente.
O seu nome artístico é Kid Mount (o neno da montaña), pero tamén usa moito <3 (o pico e o tres como él dí). Ainda que é galegofalante sorprendenos o seu nome en inglés.
K: O meu nome artístico chegou porque cando ía sacar o primeiro tema. O pobo do meu pai e da miña nai son Folgoso e Perrelos, están separados polo monte e ese monte cruceino un montón de veces por un lado e polo outro e non ten nome, entón decidín polo en inglés “o neno do monte” Kid Mount.
O < 3 é un corazón, iso empezou por un dos meus primeiros temas e collín fixación con él, eu póñolle significado a cousas que non teñen, e acabei sendo o neno do <3 (pico tres). Pero tamén son dúas cousas, iso dualidade que sempre teño, unha parte complementa a outra igual que o ben complementa ao mal. Son unha persoa moi dual, que esta ben que esta mal? Ninguén o sabe.
Eu considero moi reivindicativo facelo normal (o galego). Eu non canto en galego por motivos políticos, pero considero que facelo normal, como fai calquera persoa en castelán, sen ter que expor fágoo en galego por un nome super enxebre, defendo igual a lingua e o estou normalizando. A veces a xente que canta comigo que canta normalmente en castelán fai cinco referencias ao polbo, as rias baixas e o licor café, e non tes porque facer iso porque cantes en galego. Simplemente fágoo en galego como calquera persoa natural, no momento en que ía a escribir un tema díxenme: penso en galego, falo en galego, en que vou escribir? (ríase)
Nunca pensei en cambiarme de idioma, nin que iso me fora a limitar.
Eu escoito moito The Rapants, que son de Muros (A Coruña), e encántame porque escriben como falan é moi real, din “grasias” e “galisia”, que me parece incrible. Escribo como falo, coa fonética que hai en Xinzo, iso paréceme especial e que o mesmo tempo dáche moita personalidade.
Kid Mount ten moitos referentes musicais e moi diversos, pero non todos son musicais...
K: O meu irmán o primeiro, sen adicarse a música. Meu irmán lévame 9 anos entón cando eu era pequeno el estaba na súa etapa de escoitar rap americano e pop inglés.
Miña nai puñame de pequeno flamenco, puñame Los Chunguitos, meu pai puñame Los Suaves, o final crecín con moitos referentes.
Teño moita fixación coa música brasileira, somos primos-irmáns (riese), os meus avós emigraron a Brasil, a Sao Paulo e sempre me gustou moito e quero explotar o funk brasileiro como unha mina, ademais é moi próximo o idioma e quero traer ese son aquí. Por iso saquei o tema “Viradinha” que é un funk brasileiro.
Rapaz traballador que compaxina o traballo co seu pai no verán e despois os estudos coas actuacións musicais durante o curso, este fin de semana vai como artista en solitario ao Xara Fest en Ribadeo, pero este non é o primeiro o seu primeiro festival.
K: Fun o Rompetiño Jump Festival (Porto do Son), pero fun con C Mirazo, como invitado. O Xara Fest (Ribadeo) vou agora, este sábado, vou por primeira vez eu so como artista principal.
Van vir os meus pais o sábado ao festival de Ribadeo, meu irmán é a principal guía na miña vida, en todos os sentidos, e sempre me apoiou moito.