O Teatro Principal da Deputación consolídase como “o referente cultural de Ourense” con máis de 20 propostas no segundo semestre de 2024
Teatro, cine, ópera, danza, circo, concertos e actividades infantís centran as propostas programáticas “do faro que ofrece á ciudadanía todo tipo de manifestacións culturais”
Na presentación participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o director da Área de Cultura da institución provincial, Marcos Vázquez, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, que explicou en detalle todas as propostas que ofrece este espazo ata finais de ano
Programación variada
A programación do Teatro Principal comeza o 12 de setembro, con “Don Ramón María del Valle-Inclán”, de Teatro Español y Bravo Teatro S.L., baixo a dirección de Xavier Alberti. É Premio Godot 2023, Premio Talía 2024, e finalista nos Premios MAX 2024. Trátase dunha reflexion sobre a validez da literatura para entender a vida.
Os dias 18 e 19 de setembro será a estrea nacional do novo espectáculo de Sarabela Teatro, “A cincenta que non quería comer perdices”, dirixida por Fina Calleja. A través dun conto moderno para nenos e nenas, revisa con humor o papel que desempeñou a muller durante moito tempo.
“La Madre”, de Barco Pirata Producciones Teatrales, baixo a dirección de juan Carlos Fisher e con Aitana Sánchez-Gijón como protagonista, explora os límites da soidade, o vacío e a cordura. Será o 20 de setembro.
“Go-Home”, de Etiqueta negra e dirixida por Tito Asorey, é unha comedia que observa a realidade así como as súas problemáticas asociadas a Galicia. Será o día 26 de setembro.
O día 27 de setembro será a estrea nacional da ópera galega “Loba Branca”, de Brais González. A súa música está inspirada na música tradicional galega e noutras influencias celtas.
Entre o 28 de setembro e o 6 de outubro, o Teatro Principal estará centrado na programación do OUFF29, que será presentada en vindeiras datas. Do mesmo xeito, os días 17, 18, 20, 24, 25, 26 e 27 de outubro, albergará representacións contempladas dentro do XVII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), cuxa programación tamén será presentada no seu momento.
A música virá da man do Festival de Blues o 11 de outubro, con Claudio Gabis Blues Band e Martha High. Pola súa banda, a danza fará acto de presencia o día 19 de outubro con “Anöa”, de Elvi Balboa, unha viaxe efímera e acumulativa onde involucrar o corpo para producir unha experiencia emocional e sensorial.
Xa en novembro, o día 9, Etiqueta Negra Producciones porá en escea “As R(h)umorosas”, unha orixinal proposta teatral cómica dirixida por Ledicia Sola, Marta Doviro e Carmen Méndez, que conforman tamén o elenco da mesma.
O 16 de novembro, o Centro Dramático Galego trae “Terceiro acto”, de Andrea Jiménes e Noemí Rodríguez. Unha especie de soño poético para os gardiáns da memoria.
“Voces Femininas” volverá a dar cabida a grandes intérpretes e compositoras de todo o mundo o 22 de novembro, reivindicando así o talento de toda unha xeración. As intérpretes serán anunciadas en vindeiras semanas.
O 24 de novembro será o turno de “Helen Keller, a muller marabilla”, de Chévere Produccións baixo a dirección de Xron. Trátase dunha co-produción co Centro Dramático Nacional e co Teatre Lliure, con apoio da Agadic.
O 29 novembro será o turno do concerto da Real Filharmonía de Galicia, “os Elementos”, baixo a dirección de Amandine Beyer. Pechará o mes ao día seguinte “La Celestina”, de Secuencia 3-Pentación-Saga-Teatro Romea, baixo a dirección de Antonio C.Guijosa, con Anabel Alonso como protagonista desta adaptación do clásico da Literatura Española de Fernando de Rojas. Cabe a posibilidade de establecer unha segunda función o 1 de decembro, en función da venda de entradas.
Decembro arrincará o día 15 coa representación teatral “Camino al zoo”, de Edward Albee e baixo a dirección de Carlos Rubio. O elenco, conformado por Fernando Tejero, Dani Muriel e Ana Labordeta reflexionan sobre a incomunicación e a soidade.
O 18 de decembro será o concerto de gospel a cargo da “Mississippi Mass Choir”, dentro da súa xira europea. Este grupo é recoñecido internacionalmente desde o ano da súa fundación, en 1988 a cargo de Frank Williams.
O 20 de decembro, Coiracho Produccións porá en escena “Almar”, dirixida por Raúl Rodríguez da Silva, que recrea a despedida entre dous namorados: Albert Einstein e a espía soviética Margarita Konionkova.
O Concerto de Nadal será o 22 de decembro, a cargo do Coro e Orquestra da New Filarmónica, e centrarase, baixo a dirección de Elisa Gómez, na Novena Sinfonía de Beethoven, coincidindo co 200 aniversario da súa estrea, considerada unha obra maestra da música clásica occidental e un dos logros supremos de toda a historia da música.
A programación anual pecharase coas actividades contempladas no programa “Nadal en familia”, que comezarán o día 26 con Maruxiña, de Aurora Artes Escénicas; o día 27 La Pera Limonera representará “un traje nuevo para el emperador”; o 28 de decembro será o turno de “La gata que quería cambiar la historia”, de Thomas Noone Dance; pechando a programación o “Circo de Nadal”, de La Fiesta Escénica, que será os días 29 e 30 de decembro.