O PSdG reclama para o goberno anterior o arranxo 3 anos despois da rúa 2 de maio
Trátase dun proxecto conseguido durante o mandato das e dos socialistas e que será financia polo Cooperou 2024, negociado polo grupo socialista na Deputación Provincial
O PSdeG-PSOE de Xinzo destaca que as obras das beirarrúas da rúa 2 de Maio inclúen tres ramplas de acceso para favorecer a mobilidade, grazas ao traballo do anterior grupo de goberno encabezado por Elvira Lama. Trátase dun proxecto conseguido durante o mandato das e dos socialistas e que será financia polo Cooperou 2024, negociado polo grupo socialista na Deputación Provincial.
Esta semana deron comezo as obras das beirarrúas da rúa 2 de maio, que tal e como apuntan dende o grupo municipal socialista “levan moitos anos sendo unha reclamación da veciñanza”. Dende o PSOE lembran que foi unha obra “deseñada para acometer coa maior urxencia durante o anterior mandato, debido ao derrube que presentaba a beirarrúa superior, con máis de 50 anos de construción”.
Trátase dun proxecto que xa foi iniciado no anterior mandato e para o que era necesario lograr financiamento. “Este ano fíxose realidade a través do Plan Cooperou 2024, un plan que foi negociado polo grupo provincial socialista co novo presidente da Deputación de Ourense”, explica a voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo Elvira Lama. Neste senso a ex-alcaldesa pon de manifesto que estamos ante un plan “destinado a tódolos concellos, con criterios de reparto xustos e que remata coa discriminación existente durante décadas no ente provincial e que no caso de Xinzo a achega é de 348.000 euros”.
Lama salienta que “logo do comezo das obras das beirarrúas queremos destacar o gran paso na mobilidade e accesibilidade que se vai dar colocando tres ramplas de acceso en zigzag, o que vai facilitar o tránsito das persoas con dificultades de mobilidade”. A voceira socialista explica tamén que dita actuación “ten un prazo de execución de catro meses, con certos atrancos para os veciños e veciñas das vivendas da rúa, pero mudará substancialmente a funcionalidade e a mobilidade desa zona da vila”.
Un proxecto deseñado a dobre altura con beirarrúas paralelas, unha no borde da calzada por onde vai o abastecemento e outra na saída das vivenda, por onde irá a tubaxe de saneamento. As obras tamén contemplan tres pasos elevados sobre unha calzada que recibira tratamento de dobre rego, así como zona axardinada nos desniveis da beirarrúas.