O BNG quere honrar a Carlos Canal cunha proba ciclista*
O Bloque Nacionalista Galego de Xinzo de Limia presentou, a través do seu voceiro Camilo Vila, unha moción no Concello para propoñer a organización dunha “ proba popular que poña en valor a irmandade da nosa terra coa bicicleta e que honre ó veciño deportista Carlos Canal."
A bicicleta ten sido defendida polo BNG limiao coma “_unha oportunidade de futuro_” e lamenta que teña sido discriminada dende o Consistorio facendo desaparecer, por exemplo, o tradicional “Día da bici” que agora as nacionalistas queren recuperar. A bicicleta, que fora símbolo do proxecto electoral co que o BNG se presentou ás últimas eleccións municipais, é defendida coma un perfecto medio de transporte na vila e nas aldeas para o que cómpren infraestruturas que o permitan.
Camilo Vila considera que Xinzo ten os ingredientes perfectos para que a idea sexa exitosa posto que “_temos a orografía perfecta que combina chaira e monte, temos o Clube Ciclista Antelado e o BTT Nocelo como referentes das dúas rodas e temos a Carlos Canal, profesional do ciclismo cunha carreira brillante_”. Así, o BNG defenderá no próximo Pleno a idoneidade da celebración dunha proba popular que mobilice á poboación local baixo o nome de Carlos Canal como merecido homenaxe.
Remata Vila defendendo a coherencia da súa medida: “_queremos que este Concello teña unha liña de traballo recoñecible que poña o foco na xente e non nos seus gobernantes_”.