Supervisión da ponte que conecta Muiños con Lobios na Conchas

Supervisión da ponte que conecta Muiños con Lobios na Conchas

 Acompañado polo alcalde, Plácido Álvarez, afirmou que estes traballos supoñen “un dos investimentos máis elevados que ten realizado a Deputación en estradas” e que valorou en preto de 400.000 euros

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou esta mañá o concello de Muíños para coñecer, acompañado polo alcalde, Plácido Álvarez, algúns dos proxectos que executa o goberno local coa financiación da institución provincial a través do Plan CooperOU e doutras axudas concedidas a este concello.

Ao remate do mandato no marco do plan provincial de financiamento, Muíños terá recibido máis de 821.000 euros para cooperación en obras e servizos, aos que se sumarán outras achegas, ata agora por un importe próximo a 150.000 euros.

Visita de Luis Menor ao concello de Muiños (3)


Acompañado tamén por membros da corporación municipal e logo de asinar no libro de honra do Concello, Luis Menor desprazouse á estrada provincial que conecta Muíños co veciño concello de Lobios. Unha vía onde ademais de diversos traballos de acondicionamento nos accesos aos núcleos de poboación que atravesa, tamén se está a construír unha nova ponte para repoñer o paso anterior que se derrubara.

“Unha obra moi importe polo tráfico que rexistra na conexión de Muíños con Lobios e a fronteira portuguesa”, sinalou o presidente da Deputación, que cualificou o proxecto -a estrada máis a ponte- como “un dos investimentos máis elevados que ten realizado a Deputación en estradas” e que valorou en preto de 400.000 euros.

Ademais de visitar a nova que acollerá os vehículos e material do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES), a estadía en Muíños incluíu un percorrido polo complexo medioambiental da Baixa Limia, situado nas proximidades de Mugueimes, a capitalidade do concello, “que constitúe todo un exemplo dos servizos que se prestan desde a área de Medio Ambiente da Deputación”, destacou Luis Menor.

Este espazo acolle unha planta de transferencia de residuos, a cuxo lado sitúase un punto limpo e unha das catro canceiras que ten a institución provincial espalladas por territorio ourensán, ademais dunha nave para os servizos da Deputación.