Este ano o Samaín será castrexo
O Concello de Xinzo organiza o Sahmain castrexo en colaboración coa Civitas Limicorum
O vindeiro 2 de novembro, a Praza Maior de Xinzo de Limia converterase no escenario do Sahmain galaico-castrexo, unha celebración que busca recuperar as raíces máis antigas e espirituais da nosa terra. O evento, organizado en colaboración entre o Concello de Xinzo e a A.C. Civitas Limicorum, será unha oportunidade única para conectar coa tradición celta e castrexa da comarca, afastándose da moda comercial do Halloween importada dos Estados Unidos.
O concelleiro de festas, Ricardo Sieiro, está a coordinar xunto coa Civitas este evento que contará coa participación de diversos colectivos sociais, culturais e asociativos de toda a comarca. Ademais, a colaboración coas ANPA dos colexios e institutos permitirá que a comunidade educativa poida sumarse a esta iniciativa, facendo que toda a sociedade local se vexa representada neste proxecto colectivo que ten como obxectivo principal preservar e poñer en valor a nosa identidade galaica.
A xornada estará dividida en tres partes diferenciadas para acoller a público de todas as idades:
• Samaín Infantil: Terá lugar pola tarde, cun enfoque lúdico e didáctico. Haberá unha chocolatada de balde.
• Sahmain Castrexo: Á caída do sol, comezará a recreación ritual celta, evocando as antigas crenzas que marcaban o fin da colleita e o comezo do inverno na cultura galaica. Haberá caldo castrexo e queimada de balde.
• Samaín da Xuventude: Para rematar a xornada, celebrarase unha festa nocturna con DJ.
Este 2 de novembro, Xinzo de Limia será o punto de encontro para todos os que queiran vivir unha celebración única, cargada de simbolismo e historia. Convidamos a toda a cidadanía a participar e a redescubrir o espírito ancestral das nosas terras indumentándose coas súas vestimentas castrexas.