Xinzo ampliará máis de dous mil metros cemiterio municipal

Xinzo ampliará máis de dous mil metros cemiterio municipal

Máis de 60 persoas xa solicitaron un nicho no novo espazo do cemiterio.

O Concello de Xinzo de Limia avanza unha importante ampliación de 2368 metros cadrados no cemiterio parroquial, unha medida que responde á urxente necesidade de espazo. O proxecto será financiado integramente con fondos municipais e as novas sepulturas construiranse sobre solo dotacional, en terreos que xa están en proceso de negociación cos actuais propietarios.

O alcalde Amador Díaz destacou a relevancia da intervención: “Esta ampliación era unha demanda histórica dos veciños e veciñas de Xinzo. Co cemiterio actual ao límite da súa capacidade, é fundamental planificar a longo prazo. Estamos a traballar coas propiedades lindeiras co obxectivo de iniciar as obras tan pronto como sexa posible”.

O proceso atópase en marcha, permitindo que a cidadanía exprese as súas opinións sobre a proposta e manifeste o seu interese en adquirir unha propiedade no novo espazo do cemiterio. Ata o momento, máis de 60 persoas xa formalizaron a súa solicitude de nichos, un trámite que se pode realizar directamente nas oficinas do concello.

Moncho Gómez, concelleiro de obras, engadiu que “o solo dotacional onde se levará a cabo esta ampliación está estratexicamente situado, asegurando que o cemiterio continúe a ser accesible e funcional para as persoas, sen afectar o seu uso actual durante as obras.”.