O Antela segue gañando
Antela 1-Velle 0
A Moreira, superado o mal trago do Maside, vaise convertendo nun fortín. E Bruno Pío e a defensa manteñen a porta pechada. O Antela séntese cada vez máis seguro atrás e desde aí medra. Onte, amarrado ás botas de Antón e Cole, e despois tamén ás de Anxo, camiño de se consolidar como o extremo que prometía.
O Antela dominou ao principio. Animado por unha grada fiel na mellor entrada da tempada -e iso que co Velle apenas viñeron seareiros-. Pedro tivo a primeira, pero topouse co meta visitante. Antón acertou na segunda. O partido estaba encamiñado cando se chegou ao descanso, con chuvia miúda e unha tarde de outono nas que hai moito que labrar antes de gañar.
Na segunda parte o Velle controlou o balón, o partido, despregou xogo por bandas e pisou área. Co paso dos minutos, coa chuvia, insistente, o cansazo e o botín, o Antela foise pechando. O Velle equilibrou o xogo, pero non conseguiu empatar malia que o árbitro estirou o partido 14 minutos. Un sufrimento. Unha vitoria doce, con sabor a pequena vinganza e reto á futuro. O Velle estará na pelexa polo ascenso. De momento, a vantaxe é do Antela, que non deixa escapar ao Celanova, mentres suma efectivos para a causa: hoxe, o Antón.