Elvira Lama explica que esta actuación adxudicada e realizada, “non consta na plataforma de contratos do Estado

O PSdG de Xinzo denuncia por un posible caso de prevaricación a concelleira de Deportes

O PSdG de Xinzo denuncia por un posible caso de prevaricación a concelleira de Deportes

Afirman que “estamos ante un posible caso de prevaricación por parte desta persoa que ordenou a unha empresa facer unha obra omitindo tódolos documentos que por lei deben constar no procedemento”

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia denuncia un posible caso de prevaricación por parte da concelleira de deportes e deputada no Parlamento de Galicia, Cristina Campero. As e os socialistas explican que a situación ven motivada por unha obra de asfaltado nunha pista da concentración parcelaria, da que segundo puideron saber, o concelleiro de obras e responsable de área “nin coñece nin sabe que fora ordenada por dita concelleira, que supostamente se saltou o procedemento administrativo”.

Dende o grupo municipal socialista afirman que “estamos ante un posible caso de prevaricación por parte desta persoa que ordenou a unha empresa facer unha obra omitindo tódolos documentos que por lei deben constar no procedemento”. As e os socialistas lembran que o pasado día 4 de setembro pediron por escrito a información completa do procedemento administrativo da obra de asfaltado de dita pista, sobre a que non consta que se seguiran os procedementos legais.

Asfaltado pista Xinzo 2

“Logo de pedir copia íntegra do expediente no que debería constar providencia de alcaldía ou acordo da xunta de goberno, ademais da memoria e proxecto de actuación asinada polo técnico competente, así como o informe de necesidade do concelleiro da área responsable, prego de cláusulas administrativas particulares, prego de técnicas, informe sectorial da consellería de Medio Rural e a retención de crédito do importe da mesma, seguimos sen ter acceso a toda a documentación requirida”, explica a voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández.

A voceira socialista explica que esta actuación adxudicada e realizada, “non consta na plataforma de contratos do Estado, onde deben estar publicadas polo seu importe e con tódolos documentos que obren no expediente”. Neste senso, Lama Fernández tamén apunta a que “consultada esta plataforma, non está


rexistrada nas actuacións do plan de rehabilitación de camiños de concentración, nin no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025”. Ante esta situación considera que o alcalde, Amador Díaz, “non controla ao grupo de goberno, nin aos seus socios do PP”, xa que tal e como salienta “cada un fai e desfai ao seu antollo, sen consultar e tomando decisións persoais para favorecer os intereses particulares e/ou familiares”.

Aproveitando o pleno da pasada semana, o PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia requiriu novamente a información, pero tal e como apuntan, o alcalde “non deu ningún tipo de explicación” e sinalan que “transcorrido o prazo legal para a resposta, seguimos sen recibir a documentación solicitada que avale técnica e xuridicamente a devandita actuación”.

Ante esta situación e a falla de información no procedemento de avaliación da obra de acondicionamento e asfaltado da pista, as e os socialistas de Xinzo reiteran que “estamos ante un posible caso de prevaricación”, xa que segundo indican “ordenouse a actuación nun contrato de obra sen axustarse a lexislación vixente por parte da concelleira de deportes, que foi a que ordenou realizar dita obra”.