"A Pantalla" analiza a decisión do concello con referencia a organización do Entroido
En ningún caso a Asociación non vaia a seguir colaborando co Concello para xestionar e organizar certos aspectos concretos do noso Entroido.
No día de onte coñeceuse a decisión, dende as R.R.S.S. da Comisión do Entroido, de que este ano o noso Concello, e concretamente a Concellaría de Festexos, non creará unha comisión para levar adiante a xestión e produción do noso Entroido.
Dende a Asociación séntese unha grande pena por esta nova por moitos motivos sendo un deles, quizais o máis importante, a perda da diversidade e pluralidade que ata agora a comisión deu mantido, creándose un grupo de traballo que tiña capacidade para representar a todas as veciñas e veciños de Xinzo e, polo tanto, xestionar un Entroido para todos os limiaos.
Sempre se fala entre os entroideiros de que o Entroido non ten que ter unha organización, que ten que ser dinámico e cun certo albedrío o que, dende a Asociación, se contesta que: “nin tanto, nin tan pouco”. A verdade e que rexir demais quizais revente cá esencia do Entroido, onde ten que persistir sempre un “deixarse levar”, pero non en todo momento e nunca en aspectos cruciais e propios das festas de grandes masificacións como a seguridade, a limpeza, a contratación e xestión dos centos de grupos que levan paseado as nosas rúas tantos anos, etc.
Xustamente iso era o que a Comisión daba mantido. Non perder de vista o devir propio da nosa maior festa sen esquecer en ningún momento os problemas que trae consigo. Un tira e afrouxa de loucura e sensatez que só se consegue cando entendes o Entroido dende a súa máis fonda esencia e cando te acompaña un grupo de persoas que purran e traballan cóbado con cóbado para sacar adiante un tempo do ano que temos marcado como o mellor tempo do ano para case todos nós.
Dende a Asociación Cultural “A Pantalla” non estamos dacordo con esta decisión, polo que xa se dixo nos parágrafos anteriores, pois cremos que a diversidade sempre aportará riqueza e sobre todo representación para todas as cores, gustos e estilos das nosas xentes. Xustamente é así como nós, a Asociación, traballamos e traballaremos: buscando a opinión e a axuda de todas as persoas que vexan a ben prestárnola pois non hai nada máis rico e frutífero, aínda que ás veces custe chegar a consensos, que discutir e ter constancia das diferentes opinións e críticas que os teus iguais che poidan aportar, como fixeron todas as Comisións dende o 2014.
Non con isto queremos dicir en ningún caso que a Asociación non vaia a seguir colaborando co Concello para xestionar e organizar certos aspectos concretos do noso Entroido. A Asociación sempre velará porque os carácteres máis tradicionais do Entroido se preserven e se manteñan, que a nosa cultura non se desrvirtue, que a nosa música e o noso baile teñan un papel protagonista e, sobre todo, que a nosa máscara sega sendo a raiña do noso Entroido. Por riba de decisións “políticas”, querendo referirnos a decisións tomadas por políticos, sempre estará o Entroido e todo o que leva consigo. A Asociación
non entende de cores e partidos, se non do Entroido propiamente e da cultura do noso pobo e sempre defenderá, ante todo, e fronte a todos, o mellor para el, independentemente do grupo de goberno que lexisle. Así é que, pese ó desacordo que mostramos pola decisión tomada polo Concelleiro de Festexos, a Asociación seguirá traballando para facer do noso Entroido o mellor.
Non sería de lei acabar esta pequena nota sen antes deixar constancia da débeda que sente a Asociación con todas esas persoas, moitas delas asociadas nosas, que durante estes dez anos conformaron as comisións do Entroido pois foi grazas a eles que, segundo o noso punto de vista, se conseguiu mellorar o Entroido de novo, conformando unha festa actual pero mantendo a esencia das nosas mellores tradicións.
Por todo iso, e coa fala de todos os nosos asociados, MOITAS GRACIAS polo sacrificio de ter que andar organizando mentres os demais festexamos!