OLLAR E VER SON COUSAS DISTINTAS

OLLAR E VER SON COUSAS DISTINTAS

(Que conste que a pregunta non debía ser admitida, podía inquirir se tiña o triángulo posto pero se o vira ou non o “poderdante” non é algo que poida dicir un terceiro, pero o interrogado contestou antes de que o seu letrado puidera  formular protesto)             -Pero que carallo ía ver o triángulo senón viu un camión cinco eixes (resposta)             É certo hai moitas persoas que miran pero non ven, máxime nestes tempos onde un número moi considerable vai pegado ao móbil en cuestión, botando olladas rápidas, só para evitar algún tipo de balado (pero tipo grande), atentos á pantalla, que se aparece un rapaz nunha bicicleta pequena xa o estampan contra a parede, e non digamos algo máis cativo.

Hai un refrán noso, agora en desuso como moitos deles, que di: “Estás na horta e non ves as verzas”; era un dos que lle gustaban ao meu avó paterno, home atinado e sensato, ata que deixaba de selo, e poderiamos dicir, do refrán, que está no máximo apoxeo nestes tempos electrónicos e de medios dixitais que corren.

            Nunha ocasión, fai anos que a vida pasa, houbo un xuízo que o gañou o cliente el só, o letrado que o defendía, en realidade só foi un espectador. Para situarnos; nunha vía, ben recta da provincia de Ourense, non digo onde, estrada nacional, estaban a construír unha vivenda, obviamente non no asfalto, senón ao seu carón, e o camión que traía o material para a mesma parou metendo as rodas no solar onde se estaba a realizar a edificación, non podía entrar máis dado como estaba o mesmo, deixando as rodas do lado do condutor pisando un chisco a banda de tal estrada. A recta era ampla, era pola mañá, día de sol, pero un turismo esfociñouse contra a traseira do vehículo fornecedor do material, polo que presentou unha acción reclamándolle os danos ao camioneiro, por estar indebidamente estacionado.

            Volta dun lado e doutro no acto de xuízo, presentación de informe de meteoroloxía para acreditar o do sol; documental fotográfica para probar a recta; atestado da Garda Civil de Tráfico; e máis que non é cuestión de poñer polo miúdo, e vai o avogado do esfociñado e solicita o interrogatorio do camioneiro, o cal é aceptado, preguntándolle.

            -Verdade que vostede non tiña posto o triángulo obrigatorio de que estaba estacionado, antes do camión, e por iso non o puido ver o meu poderdante? (Que conste que a pregunta non debía ser admitida, podía inquirir se tiña o triángulo posto pero se o vira ou non o “poderdante” non é algo que poida dicir un terceiro, pero o interrogado contestou antes de que o seu letrado puidera  formular protesto)

            -Pero que carallo ía ver o triángulo senón viu un camión cinco eixes (resposta)

            É certo hai moitas persoas que miran pero non ven, máxime nestes tempos onde un número moi considerable vai pegado ao móbil en cuestión, botando olladas rápidas, só para evitar algún tipo de balado (pero tipo grande), atentos á pantalla, que se aparece un rapaz nunha bicicleta pequena xa o estampan contra a parede, e non digamos algo máis cativo.

            A maiores existe outro número, tamén ben grande, que non cómpre o móbil, que poden ir sen nada que os despiste, poden parar nunha praza durante unha hora e se lle preguntas se lle gustou o que tocou a banda municipal de música, en tal praza, contestan:

            -Que banda?

            Chegas ao Centro Social de A Filgueira (Porqueira), e ves a algún que sabes leva sentado media hora nas mesas de fóra e tes a ocorrencia de dicir.

            -Pasou o panadeiro?

            -Ai, non sei.

            Claro que queda compensado con outros que formulando a mesma pregunta do pan dirán:

            -Non, e a veciña “X” xa está nerviosa que saíu varias veces mirar se viña, pero pasou o veciño “X” e levaba o remolque posto, así que debe ir a Xinzo a mercar penso para os animais; andou tamén unha carteira nova dando voltas, que ha de confundir os barrios, como teñen a mesma numeración; e dous coches máis que ían cara ao Toxal, han de ser familiares de “X” que estivo mala pola semana e seguro que veñen os fillos de Ourense e de Vigo para ver como está. (Menos mal que só preguntabas polo pan).

            Un só pide que non o esmaguen, o de levar muletas durante tanto tempo (por un par de operacións das que xa levo falado) fai que teña arrepíos cos despistados; pero debo dicir que cando pregunto polo do panadeiro, para saber se poño ou non a bolsa na cancela pequena da entrada, reconforta saber que quedan algúns heroes que servirían para as axencias máis finas de intelixencia, con ollada tipo super heroe, e que ademais de ollar, ven.

XOSÉ LOIS BREA SANMARTÍN