Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro), premio Pedra Alta 2024.

Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro), premio Pedra Alta 2024.

Na persoa de Miro, o Museo da Limia quere renderlle unha homenaxe aos eruditos locais, que mercé ao seu esforzo e teimosía tanto levan contribuído ao coñecemento da historia que nos nos é máis próxima.

A Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos), a proposta do seu Consello Asesor, na xunzanza celebrada este sábado, 19 de outubro, á que asistiron máis de 20 membros, acorda concederlle o PREMIO PEDRA ALTA 2024, na súa VII edición, ao historiador don Edelmiro Martínez Cerredelo (Xinzo de Limia, 1946).

IMG 20241019 WA0033

Membros do Padroado na xuntanza desta mañá

Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro), Fillo Predilecto de Xinzo de Limia en 2022, é merecente do Pedra Alta en base aos seguintes méritos:


No ano 2006, Edelmiro obtén o título de Graduado Universitario Sénior pola Universidade de Vigo no campus de Ourense. Desde entón, acomete un intenso e fecundo traballo de investigación e difusión centrado na memoria máis próxima das terras da Limia, un campo case ermo antes del. Ese mesmo ano, aparece o seu primeiro libro, A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911-1925). Dous anos máis tarde, ve a luz a monumental Historia e memoria. A Limia:1931-1953.

O labor pescudador e divulgador de Edemiro Martínez non cesa, indagando mesmo en períodos máis afastados: Julián Toubes (1796-1870. O correxedor que quixo desecar a lagoa (2009); Historia de Xinzo de Limia (2012); Xinzo de Limia na memoria (2016).

Tres das súas obras abordan a traxectoria de manifestacións lúdico-culturais do territorio: Antela Fútbol Club. Centenario 1919-2019 (2019); O Entroido en Xinzo de Limia. Tradición. Respecto. Sentimento (2021); Historia Musical de Xinzo de Limia (2021).

Entre tanto, colabora con varias revistas (Lethes, Raigame, A Palloza, Lúa Nova; etc.) e con diversos xornais ( Nós Diario, La Región, Dende A Limia).

Edelmiro Martínez Cerredelo ilumina cos seus traballos e co seu saber distintas épocas da historia da chaira limiá que dormían no silencio e no esquecemento, espléndido agasallo para a veciñanza que se pode reconciliar agora co seu pasado e fai memoria de persoas e acontecementos que propiciaron A Limia de hoxe.


[A entrega do galardón, unha réplica en granito da Pedra Alta (contrinución altruísta do noso escultor Xosé Lois Carreira) acompañada dun diploma acreditativo, terá lugar nun acto público solemne que se celebrará no Museo da Limia (Vilar de Santos), o vindeiro sábado día 9 de novembro. Como vén sendo habitual, o acompañamento musical correrá a cargo do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldomero Pavón. A xornada festiva concluirá cun xantar (un cocido limiao), custeado polos asistentes que decidan acompañarnos]