Nova vitoria do Antela que se pon líder

Festexando a vitoria ante o Polígono
Nova vitoria do Antela que se pon líder

Un domingo perfecto

Foi un domingo perfecto. E iso que o campo, A Moreira, non está para moito trote malia os coidados. Mesmo puido prexudicar a colleita do Antela. En calquera caso, os limianos manexaron o partido con solvencia a partir dunha defensa sólida na que Bruno Gómez volveu sorprender mantendo a Peque e Cole nos laterais e deixando no banquiño a Teixeira e Lois.

A tarde comezou torcéndose un chisco cando o Polígono se adiantou cun remate no segundo pau despois dun bo centro desde a dereita. O Polígono parecía mellor asentado no inicio. Mais os locais reaccionaron e pasaron a dominar o centro do campo, no que Óliver regresou ao once no lugar de Antón.

Antela Poligono 20out24 2 1024x576

A verticalidade dos tres cuartos do Antela foi letal para o Polígono. A remontada pareceu cousa sinxela. Empatou Raúl Dinís tras recoller un pase ao espazo e vencer no man a man co porteiro. Pouco despois anotou Xabi Lamas, entrado na área pola esquerda e perfilándose para marcar cun chut ao lado largo. Dinís e Xabi estreáronse como goleadores nesta Liga.

O Polígono non se rendeu, mais marchou tocado aos vestiarios mentres a afección gozaba da tarde cálida e dun Antela que cada xornada mellora no goberno dos partidos. E xa intimida aos rivais maiores.

O domingo era perfecto porque o resto dos adversarios na pelexa pola cabeza deixaron escapar puntos -todos menos o Carballiño, que remontou ante o Celanova- e Raúl Dinís recibiu a ovación da tarde cando foi substituído a vinte minutos para o final. O Polígono apertou, tivo fases de dominio, pero case non xerou perigo. Non foi un triunfo cómodo. Detrás de cada vitoria nesta Liga hai moito traballo no campo e pola semana nos adestramentos. O Antela vai acumulando puntos, confianza en si propio e respecto por parte dos rivais.

Martín Caneiro xa ten outro compañeiro de baile, Xabi Lamas, mentres Cole segue tapando buratos onde faga falta. O trío loce cada vez máis. O Antela medra, si. Xabi e Cole calquera tarde apararecen barbados…


O ramo púxoo Joni, nunha internada pola dereita e gol. O capitán segue fino. O terceiro gol do Antela pechou o partido e a discusión a estas alturas da tempada. O Antela tamén está mellor que os de San Cibrán. Xa dobraron o Nogueira, o Melias, o Velle, o Carballiño e, hoxe, o Polígono. O Antela é, por fin, líder. Xa vai onde quería despois de 7 partidos. E, ademais, como único equipo invicto. Non hai forma mellor de chegar a Celanova, outro partido grande e clave.

Erick-Dobaño