PREMIO PEDRA ALTA 2024
O 9 de Novembro, Edelmiro Martínez Cerredelo recibirá o Premio Pedra Alta
O vindeiro 9 de novembro, o historiador limiao Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro) recibirá o Premio Pedra Alta, que anualmente concede o Padroado do Museo da Limia.
Xulio Prada Rodríguez, decano da Facultade de Historia do Campus de Ourense, será o encargado de entregarlle o Pedra Alta ao agasallado. A laudatio do premiado, nesta VII edición, correrá a cargo do Presidente do Centro de Cultura Popular do Limia e membro do Consello Asesor do Museo, Manuel Seoane Feijoo.
O acto, aberto ao público, comezará ás 11:30 horas cunha xornada de portas abertas no Museo e desenvolverase formalmente ás 12:00 horas no salón multiusos do Concello de Vilar de Santos. Concluirá cun expléndido cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño de Sandiás. Quen desexe acudir ao xantar, custeado integramente polos asistentes, debe inscribirse e aboar o importe da comida antes do vindeiro día 6.
O premio consiste nun diploma de recoñecemento e nunha réplica do menhir atopado na Lagoa da Antela, coñecido como Pedra Alta, aportación altruísta do escultor limiao, Xosé Lois Carreira. O acto de entrega da distinción, aberto a cantos queiran asistir. O acompañamento musical correrá a cargos de alumnos/as do Conservatorio Profesional de Xinzo de Limia.
Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro) (Xinzo de Limia, 1946), Fillo Predilecto de Xinzo de Limia en 2022, é merecente do recoñecemento en base aos seguintes méritos: No ano 2006, Edelmiro obtén o título de Graduado Universitario Sénior pola Universidade de Vigo no campus de Ourense. Desde entón, acomete un intenso e fecundo traballo de investigación e difusión centrado na memoria máis próxima das terras da Limia, un campo case ermo antes del. Ese mesmo ano, aparece o seu primeiro libro, A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911-1925). Dous anos máis tarde, ve a luz a monumental Historia e memoria. A Limia:1931-1953.
O labor pescudador e divulgador de Edemiro Martínez non cesa, indagando mesmo en períodos máis afastados: Julián Toubes 1796-1870. O correxedor que quixo desecar a lagoa (2009); Historia de Xinzo de Limia (2012); Xinzo de Limia na memoria (2016). Tres das súas obras abordan a traxectoria de manifestacións lúdico-culturais do territorio: Antela Fútbol Club. Centenario 1919-2019 (2019); O Entroido en Xinzo de Limia. Tradición. Respecto. Sentimento (2021); Historia Musical de Xinzo de Limia (2021).
Entre tanto, colabora con varias revistas (Lethes, Raigame, A Palloza, Lúa Nova; etc.) e con diversos xornais ( Nós Diario, La Región, Dende A Limia).
Edelmiro Martínez Cerredelo ilumina cos seus traballos e co seu saber distintas épocas da historia da chaira limiá que dormían no silencio e no esquecemento, espléndido agasallo para a veciñanza que se pode reconciliar agora co seu pasado e fai memoria de persoas e acontecementos que propiciaron A Limia de hoxe.
Na persoa de Miro, o Museo da Limia quere renderlle unha homenaxe aos eruditos locais que mercé ao seu esforzo e teimosía tanto levan contribuído ao coñecemento da historia que nos nos é máis próxima.