Os Socialistas denuncian a falla de seguridade peonil na pista Armada
As e os socialistas sinalan que nunha zona con numerosas vivendas “necesítase unha zona peonil acondicionada para o tránsito diario coa maio seguridade, algo que actualmente non existe nestas obras”
O PSdeG-PSOE de Xinzo vén de presentar un escrito por rexistro no que denuncia a falla “total” de seguridade para os peóns na zona polas que transcorren as obras da pista da Armada. As e os socialistas sinalan que nunha zona con numerosas vivendas “necesítase unha zona peonil acondicionada para o tránsito diario coa maio seguridade”. Tal e como apuntan existe un “elevado” volume de vehículos que circula tanto no día como na noite, especialmente de tráfico pesado.
Dende o grupo municipal socialista subliñan que nas obras da pista da Armada “non se están cumprindo as normas de seguridade para os peóns que figuran no proxecto”. Neste senso apuntan que “en calquera obra sobre as calzadas, os peóns son sempre os máis vulnerables e os que máis risco corren durante a execución das obras”, situación que segundo apuntan “é realmente alarmante na pista da Armada”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, pon o foco en que no proxecto “figuran unhas normas de seguridade que se deben cumprir para protexer os peóns, correctamente recollidas nas prescricións técnicas e que indican que deben estar debidamente delimitadas e balizadas as zonas peonís”. Pois tal e como apunta a edil socialista “na pista da Armada esta normativa non se está a cumprir, a pesar de vir recollida no proxecto de obra, o que está xerando un caos e un risco evidente para os peóns”.
Ante esta situación as concelleiras e os concelleiros socialistas decidiron rexistrar un escrito para por en coñecemento do concello, como responsable subsidiario desta actuación, as deficiencias observados, algo que tamén lle trasladaron verbalmente ao concelleiro de obras.
“No escrito presentado solicitamos un informe da xefatura da policía local acerca das deficiencias existentes en materia de seguridade peonil, pedimos que se solicite da dirección de obra e da empresa que sen máis dilación procedan a corrixir estas deficiencias, delimitando correctamente as zonas peonís, mediante valado de delimitación, cintas de balizamento ou conos e sinais que procedan”, afirma Lama Fernández.
As e os socialistas consideran que estas actuacións “xa deberían estar en marcha dende o inicio das obras, buscando unha maior seguridade dos viandantes de ambas marxes”. Apuntan tamén a que “mentres duren as obras e non se materialice o acondicionamento das marxes coas sendas de formigón previstas, pedimos que se solucionen estas eivas na seguridade”.
As obras da pista Armada levadas a cabo pola Consellería de Medio Rural, a través da empresa publica Seaga e con financiamento da propia consellería e a Deputación Provincial de Ourense, foron demandadas durante moitos anos pola veciñanza residente. Despois de ser anunciadas hai un ano, comezaron a mediados de outubro deste ano 2024.