O tempo que pasa ten premio.
O tempo de esforzo e o traballo recompensados con ese máis que merecido premio Pedra Alta 2024 outorgado polo padroado do Museo da Limia.
Ata que vostedes, todas as persoas que teñen a ben ler estes meus artigos, se poñan coa lectura deste, terán pasados case que catro meses dende o último publicado. Como di un famoso presentador da TVG a cabeza non para, mais o tempo para levar a cabo as ideas que a un lle veñen, ás veces, queda un pouco escaso. Nestes intres ando enleado cunha novela que intento rematar, nunha data que me marquei eu mesmo, mais vexo que a cousa anda máis que xusta. Pero intentámolo.
En todo este tempo que pasou, andei varias veces pelexado cos medios de transporte, pero iso é algo que lles contarei noutra ocasión. O que quero contarlles aquí e outra cousa.
Haberá agora hai dous anos, escribín neste xornal un artigo titulado “Miro, simplemente Miro” non que falaba de Edelmiro Martínez Cerredelo co gallo de ser nomeado fillo predilecto de Xinzo. Lembro que non quixen falar da súa vida e sigo pensando o mesmo. Sendo o noso aprecio mutuo, vou dicir que a medida que pasa o tempo escribir a súa biografía vaise facendo un traballo cada vez maior. Como el tamén é deses dos que a cabeza non lle para, segue a traballar e investigar e, con todo merecemento, a recibir novos recoñecementos que aumentan de seguido a súa experiencia vital. Ou sexa, máis traballo para o biógrafo.
Volvendo a aquel artigo de hai dous anos, dicía do amigo “que non deixa de loitar cada día por dar a coñecer, por tirar das tebras máis escuras, a historia da nosa vila”. Cónstame que segue a facelo, produto dunha curiosidade innata que se reflicte posteriormente en artigos, en traballos no seu famoso blog Historia de Xinzo, no Facebook, nos seus libros. Malia que poida parecer o contrario, escribir non é un traballo doado, pero investigar aínda menos. Sei o que costa desprazarse dun lugar a outro para visitar un arquivo no que vas botar horas e horas, remexendo entre libros e documentos antigos, na procura dese dato, desa información que necesitas; na procura, ás veces, de non sabes moi ben o que, agardando que entre as páxinas remexidas apareza ese detalle que descoñecías e que resulta ser importante para o que fas. Estar en lugares de acceso controlado, para os que pediches permiso de acceso con meses de antelación; procurar tal libro ou tal documentación, visitar bibliotecas, arquivos históricos, arquivos eclesiásticos, recoller información sobre o terreo. Toda esa cantidade de tempo e de traballo, é o que leva dentro de si calquera libro de Miro. Velaí a razón do título deste artigo de hoxe. O tempo de esforzo e o traballo recompensados con ese máis que merecido premio Pedra Alta 2024 outorgado polo padroado do Museo da Limia. E virán máis, seguro, que ben os merece. Eu, por se acaso, xa lle recomendei que chame un carpinteiro para que lle amplíe na casa os andeis onde poñelos.
Rafael Laso Lorenzo.