O Antela gaña ó Cartelle sobre un campo imposible
Bruno Pío pechou a noite cunha intervención soberbia nun disparo de falta local desde o límite da área.
Un gol de Breixo de cabeza á saída dun córner no tempo de desconto permitiu ao Antela derrubar o muro do Cartelle, gañar un partido no que mereceu golear sobre campo imposíbel para xogar o balón, e diante dun rival que utilizou todos os recursos (perdas de tempo reiteradas, bulla constante e mesmo unha iluminación deficiente) para frear ao líder. Mais o Antela ía advertido e non perdeu a concentración nin caeu na precipitación. Superados xa os dez minutos de prolongación, Bruno Pío pechou a noite cunha intervención soberbia nun disparo de falta local desde o límite da área.
No Pau Rañado viviuse o último partido sobre terra e a escuras -o campo sufrirá unha renovación-, o vello fútbol tampouco serve xa na Primeira Futgal.
O Antela, capaz de discutir un partido serio co Barco, sufriu en Cartelle porque o resultado estivo sempre pendente dun fío, de calquera accidente nun escenario cheo de trampas no que os locais propoñen un choque a balonazos, berros e empuxóns.
A primeira media hora foi un ir e vir do balón. Voando dos pés de Dalama aos de Bruno Pío (os porteiros). O Antela entrou mal no partido. As imprecisións polo bote do balón deron paso aos erros. Primeiro en defensa, e despois no remate. Jorginho pelexou moito cos centrais, Anxo (titular por vez primeira esta tempada) e Raúl Dinís trataron de abrir o campo polas bandas, mais o campo (curto e estreito) acabábase pronto. O Cartelle foi sempre máis decidido a polos balóns chovidos e gañou máis disputas.
Na segunda metade o Antela deu un paso adiante. Dominou o medio campo recuperando antes e buscando a pausa. Pechou ao Cartelle no seu campo. E pisou área con máis profundidade polas bandas forzando córners e faltas. O Cartelle esaxerou as perdas de tempo, precisaba romper o ritmo visitante porque as chegadas eran continuas. Acabou defendendo na área pequena, amontoando xogadores. Boán espetou un remate de cabeza no traveseiro, antes tivera outra nun balón solto que enviou fóra. Bruno Gómez pedía paciencia desde a banda mentres refrescaba o equipo. Entraron Antón, Joni, Cole e Aarón, que mantiveron o ritmo e pecharon aínda máis o cerco.
Malia a expulsión directa de Aarón nunha interpretación moi rigorosa do árbitro, o Antela mantivo o mando. Entón apareceu Breixo. Nun córner desfíxose da marca e buscou o balón no primeiro pau ao borde da área pequena. Rematou de cabeza cun xiro preciso que colocou a pelota ao outro lado da portería. Gol.
Estoupido de euforia. A tensión de 90 e pico minutos batendo contra un muro, o foso dun campo de terra sen luz, o vello fútbol dun domingo gris de novembro iluminado de súpeto por un remate de cabeza e unha parada (a última de Bruno). Breixo e Bruno Pío clausuraron o vello Pau Rañado. O Antela é líder no terceiro mes de competición. E volve ser o equipo tenaz e infatigábel das últimas tempadas. Xa coñece o camiño.