"A licitación da travesía de Xinzo N-525, será inminente
O subdelegado do Goberno recibe ao alcalde e ao concelleiro de Obras de Xinzo de Limia
Abordaron a situación do proxecto de humanización da travesía de Xinzo na N-525
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, recibiu ao alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, e o concelleiro de Obras, Ramón Gómez, para tratar diversos temas de interese para o municipio.
Na xuntanza afondaron na evolución das obras de modernización dos regadíos da Comunidade de Regantes Nova Limia, para as que o Ministerio de Agricultura destinou 29.749.997,74 euros. Obras que deron comezo en agosto do 2024, cun prazo de execución de 24 meses, e que beneficiarán a 1.822 regantes que cultivan 2.576 hectáreas nos municipios de Xinzo, Trasmiras, Sarreaus e Porqueira. O obxectivo deste proxecto é substituír os actuais sistemas de rego con motobombas diésel e tubaxes de aluminio superficiais, por modernas redes de rego alimentadas por captacións de augas subterráneas e con telecontrol.
O mesmo está incluído no programa para a mellora da eficiencia e a sustentabilidade de regadíos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cofinanciado por fondos Next Generation da Unión Europea, de xeito que a aportación pública acada como máximo o 80% dos gastos e os regantes achegan o resto.
O subdelegado tamén tratou co alcalde e o edil a adxudicación, no pasado mes de outubro, por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) das axudas correspondentes á primeira convocatoria de subvencións do PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) de dixitalización do ciclo da auga, que tamén forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea. Entre os beneficiarios desta axudas atópase Comunidade de Regantes de Antela, que recibirá máis de 183.000 euros.
Por último, abordaron a situación actual do proxecto de humanización da travesía de Xinzo na N-525, que conta cun orzamento base de licitación estimado de 3.941.139,34 €, a cargo do Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana. Neste sesnso, o subdelegado informou aos representantes municipais de que os trámites do mesmo “van a bo ritmo e a licitación será inminente”.