A Xunta avanza na tramitación do plan de xestión da Carballa da Rocha que prevé a compra das parcelas.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presidiu a reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads)
― Ángeles Vázquez destaca que esta planificación busca establecer os usos e as actividades permisibles, así como as limitacións e medidas que se consideren necesarias para a conservación do espazo.
― Incide en que o obxectivo desta iniciativa é compatibilizar a protección da súa contorna co seu uso público así como identificar os valores a protexer, o seu estado de conservación actual e os posibles riscos que lle poidan afectar.
A Xunta de Galicia avanza natramitación do plan de xestión do Monumento Natural Carballa da Rocha, que prevé a compra das parcelas nas que se localiza, segundo informou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.
Durante a reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads), que tomou hoxe en consideración o proxecto de decreto do plan de xestión deste espazo protexido, a conselleira incidiu en que o obxectivo desta iniciativa é compatibilizar a protección da súa contorna co seu uso público así como identificar os valores a protexer, o seu estado de conservación actual e os posibles riscos que lle poidan afectar.
Segundo explicou Ángeles Vázquez, este instrumento de planificación busca establecer os usos e as actividades permisibles nos ámbitos turístico, investigador, educativo ou de aproveitamentos gandeiro e forestal. Ademais tamén incluirá “as limitacións e medidas que se consideren necesarias para a conservación do espazo e a preservación dos hábitats e das especies”, engadiu a conselleira.
Deste xeito, recolle un completo programa de actuacións que, en diferentes fases, inclúe a compra dos predios nos que medra a Carballa da Rocha. Nese senso, Ángeles Vázquez avanzou que a previsión é adquirir máis de 6.200 metros cadrados co obxectivo de garantir a súa correcta conservación ao converterse en patrimonio público.
A maiores, o plan de xestión establece que se levarán a cabo un seguimento fitosanitario de todo o conxunto de árbores para conservar a súa saúde vexetal, un programa continuo de erradicación de especies alóxenas, a elaboración dun plan de acción da paisaxe para esta contorna e o desenvolvemento dun estudio sobre os posibles efectos do cambio climático sobre este espazo protexido.
Ademais, tamén comprende a creación de novo material divulgativo, a corrección de impactos paisaxísticos na contorna así como a posta en valor da romaría da Saínza, que é unha festa tradicional, declarada de interese turístico galego, moi vinculada a este monumento natural.
Espazo protexido
O nome de Carballa da Rocha fai referencia a un exemplar de carballo (Quercus robur) de notoria singularidade e beleza, o cal será obxecto dunha protección especial polo seu interese científico, histórico-cultural e paisaxístico. A árbore presenta un porte considerable, cun perímetro a unha altura estándar de 1,30 m de 6,90 m, bifurcándose aos 7 m de altura en dous eixes de grandes dimensións ata alcanzar unha altura de 33 m.
Cabe destacar tamén a importancia social e histórico-cultural da Carballa da Rocha pola súa proximidade á capela da Virxe da Mercé, lugar de celebración de importantes romarías e por ser protagonista de numerosas lendas e contos populares na zona.
Para concluír, durante a reunión do Cogamads avaliáronse as modificacións que están previstas para optimizar o funcionamento interno deste órgano consultivo co obxectivo de mellorar a súa operatividade e axilidade, respectando en todo momento, como ata o de agora, o dereito de participación dos seus membros.