O Antela gañou por goleada ao Maceda

O Antela gañou por goleada ao Maceda

O Antela mallou no Maceda (6-0) nun exercicio de autoafirmación que precisaba o club, a afección, o corpo técnico e os xogadores. O equipo tiña que romper a golear nalgún momento. Aconteceu hoxe. O Maceda tivo a mala sorte de pasar por alí.

Na primeira parte, á fronte das operacións estiveron Pedro, Raúl Dinís e Anxo, con Xabi Lamas espléndido como interior. Na segunda parte, Óliver desatouse por fin, e Antón, Jorginho, Álex Teixeira e Cacharrón sumáronse, aparecendo desde o banquiño, á demolición do adversario.

Na defensa, os centrais estiveron tan cómodos que acabaron por se converter en goleadores con dous tantos clave: o primeiro de Breixo que abriu o muro (minuto 33) e o terceiro, de Boán, que matou o partido no minuto 48. Os dous, a balón parado, con centro preciso de Martín Caneiro. Tiago Teixeira, nun partido moi serio, hoxe como lateral esquerdo, estivo por riba de todos.

Antela Maceda na Moreira 17 4

MÁIS DIRECTO

O Antela variou lixeiramente o plan doutras tardes na Moreira. Foi máis directo. Pero o partido atascouse igual que contra o Maside e o Peroxa… aos catro minuto os locais xa dispuxeran de dúas ocasións claras de gol. Raúl Dinís foi un puñal pola dereita e Pedro, outro pola esquerda. Mais ao Antela faltoulle encher a área nas xogadas á contra. Anxo tivo o gol nun man a man co meta visitante, antes de que Breixo anotase de cabeza saltando mellor que ninguén.

O Maceda cedeu. Vencida unha vez a súa defensa, non tiña máis que ofrecer. Un mal control de Pedro na área visitante derivou nun penalti afortunado no minuto 45. Óliver anotou e colleu un gramo de confianza para superarse tralo descanso.

O Antela saíu moi intenso e anotou rápido o terceiro nun remate de Boán á saída dun córner no primeiro pau, de costas á portería, que se colou pola escuadra. O partido rematou aí. O que veu a continuación foi a demolición. Porque Óliver tiña fame, tamén Lois, e Antón en canto apareceu no campo. E Raúl, o quinto lateral destro que utiliza Bruno Gómez nesta Liga: o exemplo máximo da abundancia.

ANTÓN, JORGINHO E TEIXEIRA

Foi máis de media hora, mentres anoitecía, dunha pracida tarde de fútbol na Moreira. Facía falta despois doutros domingos de sufrimento e guerra de trincheiras. Pedro amarrou un gol (o seu quinto da tempada) que levaba semanas buscando.

Mesmo gozou Bruno Pío, cunha parada excelente respondendo a un balón que tocou nun defensa e parecía dentro. O meta luso é un miñato por arriba e un gato por abaixo. Houbo tempo para que Cacharrón demostrase a súa potencia; Teixeira, o pequeno, tirase un par de caños; Antón exhibise zancada e toque (tamén volveu marcar, o terceiro na Liga), e Jorginho anotase un golazo desde a frontal.

O Antela rompeu, por fin, a golear na Moreira, con fases de bo fútbol e unha vitoria inapelábel. Saboréena, isto non pasa todos os días.

A CANTEIRA SEGUE O RITMO

E mentres, o filial e o xuvenil seguen arriba nas súas competicións, outro exemplo manifesto da abundancia destes tempos. O B gañou en Taboadela (0-2) e mantense en postos de promoción completado o primeiro terzo da Liga en Segunda Futgal, e os xuvenís volven ser líderes do seu grupo e xa clasificaron para loitar polo ascenso na seguinte fase. Unha semana máis houbo pleno. Non pasa todos os días. Que siga.

 O Antela homenaxeou a Gele, adestrador do Maceda, en recoñecemento á súa etapa como xogador do Antela.

Antela Maceda na Moreira 17 1

Por outra banda os resultados dos outros equipos foron: 

2ª FUTGAL

UP Taboadela  0 -  2  Antela FC B  

(goles de David Lamas e Xurxo)

1ª FUTGAL 

Antela FC X   1 -  0  EF Lalín  

( gol de Izán )