AS NOSAS CEGOÑAS.
Nótase a emoción de ver una das aves máis coñecidas e admiradas e con tanta cultura popular ás costas.
Xa Aristóteles (384-322 a.X), tiña curiosidade por saber onde ían moitos dos paxaros que coa chegada do frío desaparecían. Durante moitos anos pensouse que hibernaban debaixo das augas do mar e dos lagos. Ata se chegou a pensar que se transformaban noutros animais.
No ano 1822 na aldea alemá de Klütz en Mecklenburg, apareceu na primavera unha cegoña cunha frecha no pescozo. Como non lle danou ningún órgano vital fixo a migración con frecha e todo. (Se buscades na internet “Cegoña de Klütz”, podedes ver a cegoña que conservaron disecada coa frecha espetada). Este acontecemento veu a certificar que as aves do continente europeo migran a terras africanas ao comezo do outono.
As aves migran pola falta de alimento e polo frío. As cegoñas son migrantes da zona do Sahel africano. Pero dende hai anos as cegoñas da Limia non agardan polo tres de febreiro para deixarse ver por aquí outra vez, agora veñen polo magosto. Cando se comezan a arar as terras para o cereal de inverno vense por ducias comendo a bichería nos regos.
A que se debe que regresen con anticipación? Pois como sempre non se debe a unha soa razón. O cambio do uso do chan no norte de África, o aumento das temperaturas globais, o inzamento de vertedoiros onde atopan alimento… todo motivado pola actividade humana.
Ás cegoñas máis novas pódelle o instinto e migran cara África pero aos catro ou cinco anos saben que non lle compensa o esforzo de percorrer varios miles de kilómetros cando o que necesitan está máis cerca. Moitas das cegoñas adultas non chegan a cruzar o Estreito de Xibraltar e quedan na península.
As aves migratorias como as cegoñas son indicadoras de que o planeta está cambiando. As nosas actividades están a causar cambios na fenoloxía dos seres vivos. (Fenoloxía: ciencia que estuda a relación entre os factores climáticos e o ciclo da vida dos seres vivos).
Cando vou dar un paseo polo río ou mesmo vendo un partido de fútbol na Moreira avisto cegoñas. Gústame cando as persoas que están nas bancadas comentan o avistamento da(s) cegoña(s). Nótase a emoción de ver una das aves máis coñecidas e admiradas e con tanta cultura popular ás costas.