Os Socialistas de Lobios denuncian os vertidos de augas sen depurar ao río Limia

Os Socialistas de Lobios denuncian os vertidos de augas sen depurar ao río Limia

As e os socialistas alertan de que a EDAR de Lobios “leva anos sen funcionar correctamente, producindo vertidos das augas fecais sen depurar e chegando a botar materiais sólidos como toallitas e papel hixiénico, que son depositados directamente no ecosistema da zona”


O PSdeG-PSOE de Lobios esixe solucións “urxentes” ante o “gravísimo” problema medio ambiental xerado polo mal funcionamento da EDAR de Lobios, que está vertendo directamente augas residuais e fecais ao río Limia no encoro de Lindoso. As e os socialistas alertan que esta é unha situación que se leva repetindo xa dende o 2021, sen que dende o concello fagan nada por buscar solucións a dita problemática.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que a EDAR de Lobios, situada no lugar de Fondevila, “leva anos sen funcionar correctamente, producindo vertidos das augas fecais sen depurar e chegando a botar materiais sólidos como toallitas e papel hixiénico, que son depositados directamente no ecosistema da zona”. Tal e como apuntan as e os socialistas “estamos ante un gravísimo problema medio ambiental, xa que estes vertidos afectan a unha zona como é o encoro de Lindoso, no que a xente practica a pesca e no que incluso hai zonas de baño”. Relatan que “o fedor na zona é insoportable”.

Vertidos EDAR Lobios

O voceiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, apunta a que esta situación “non é nova”, xa que segundo sinala “é un tema recorrente, que xa foi denunciado no ano 2021, pero o concello segue facendo oídos xordos e a depuradora segue vertendo ao río Limia de forma incontrolada”. Unha situación que provocou que en xullo de 2024, o concello tivese que abonar unha sanción de 3.243,19 euros polos danos causados ao dominio público hidráulico. Neste senso, o edil socialista, apunta a que “a pesar da sanción, a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, non buscou ningún tipo de solución e a depuradora segue contaminando e vertendo de forma totalmente descontrolada, polo que tememos que cheguen novas sancións por parte do organismo competente”.

“Estamos falando de vertidos a un encoro e a un río na contorna e área de influencia dun parque natural e dunha reserva da biosfera transfronteiriza, unha situación que fai aínda máis grave este atentado medio ambiental”, apunta Patrick Rodríguez. O líder das e dos socialistas de Lobios ten claro que a “inacción da señora Yáñez é un exemplo máis de que Lobios e a súa veciñanza lle importan ven pouco, ao igual que tampouco lle preocupa abonar multas por vertidos, porque os cartos saen do peto da veciñanza e non do seu patrimonio”.

O PSdeG-PSOE de Lobios esixe “medidas urxentes” e o “arranxo da depuradora" para por fin a estes vertidos “descontrolados” e solucionar os “danos ao medio ambiente” causados polo “mal funcionamento” da EDAR que recolle as augas fecais e residuais da capitalidade do municipio. Neste senso esíxenlle a María del Carmen Yáñez e ao Partido Popular que “se poñan a traballar de xeito inmediato para rematar con esta contaminación do medio ambiente e solucionar esta gravísima situación que ten en xaque ao ecosistema da zona e ao río Limia”.