O Antela perde contra o Córgomo por 2-3
Un bo inicio de partido non foi suficiente
O Antela remontou o Sil. Imperial. Para capturar outro botín na súa campaña de conquista e sometemento do penúltimo adversario que queda por se render. Pero esta vez non pasou. A táctica, o físico, a intensidade, a calidade… en todo foi superior o Antela que en menos de vinte minutos xa rematara dez veces con perigo contra a portería local… mais só acertou a marcar un gol.
O Córgomo rematou media ducia de veces en todo o partido e meteu tres goles. Así que a conquista fracasou, e con ela toda a confianza do Antela na súa forma de afrontar trampas como a do Bañadoiro, un corredor estreito e curto no que cada pelota recuperada nos tres cuartos (porque para o medio campo non queda sitio) convértese nunha acción de gol.
O Antela non superará a marca de imbatibilidade do Nogueira de hai once tempadas. Perdeu na xornada doce, mais non cede o liderado. Toca recuperarse e non volver fallar na Moreira, onde non hai escusa: en campo ancho e longo, este mesmo Antela de hoxe tería (teoricamente) pasado por riba do Córgomo, por moito que o Córgomo pareza máis técnico e armado que a maioría.
Mais no Bañadoiro, Samuel é coma un Stoichkov (Mbapé para as novas xeracións), capaz de cazar cada balón no último centímetro e inclinar o campo cara a súa banda. Despois está un central, Diop, impoñente e eficiente; e un centrocampista como Sylla sempre ben situado no eixo. O resto é saber aproveitar o campo, saír rápido dos ‘rondos’ cara a meta contraria.
O Antela viña advertido e xogou ao mesmo que o Córgomo durante os primeiros 40 minutos. Roubou moi arriba e pisou área con asiduidade. Jorginho volveu demostrar que ten gol e fixo o primeiro colocando o balón raso diante da saída do porteiro. Pero o Córgomo empatou antes do descanso nunha xogada por acumulación de homes na área visitante até colgar un centro desde a frontal que se colou pola escuadra.
Na segunda parte, Jorginho puxo de novo en vantaxe ao Antela cruzando un centro pasado de Peque nun remate co exterior. Quedaba moito por diante, e os visitantes mantiveron a concentración e o control nos seguintes minutos até que apareceu no partido Jonathan Vega, que levaba un gol en 53 minutos xogados contra o Celanova e o Cartelle.
O Antela complicouse cada vez máis arriba e consentiu contras nun campo de futbolín. Nunha delas, Samuel teimou até marcharse de Breixo e dar un pase na área pequena que Vega definiu de tacón. O Antela empeorou e nin os cambios conseguiron volver subir o nivel do equipo. Vega fabricouse el só o terceiro gol local. Orientou co exterior un balón chovido entre os dous centrais e rematou de inmediato desde o borde da área. Gol pola escuadra. Adeus aos tres puntos, adeus invicto… a Liga non se gañará en xaneiro. Queda moito que roer.