Eu no meu taller non creo un traxe de Pantalla, creo a identidade da persoa que vai por ese traxe

"O meu traballo é cultura" - Café con Mercedes (Lumecú)

"O meu traballo é cultura" - Café con Mercedes (Lumecú)

Estade atentos que haberá novas sobre Lumecú e o seu gran proxecto.

Mercedes Veites, natural de Freixo (Celanova) pero afincada en Vilar de Santos. Adicase, dende 2019, a deseñar e crear traxes tradicionais e moda mais actual pero con ese toque da cultura tradicional.

As súas creacións vímolas modeladas por grandes mulleres, entre elas Luz Fandiño (poetisa) e Mariana Carballal e incluso nos Goya ¿Como xurdiu esa iniciativa?

Son mulleres como Mariana Carballal, Lucía Peréz, Patri, de aquí da Limia ( Patricia F. Santana). A de Luz Fandiño foi unha colaboración moi especial que fixemos para presentar a marca, que aínda temos pendente unha homenaxe. Pero tamen mulleres como Susana Seivane, Estíbaliz Veiga foron colaboracións mutuas. Pero non so mulleres, senón tamén algúns homes (Vizcaino, Iseo, o irmán de Lucia Pérez, etc) o que pasa que o tema masculino xa é un pouco mais complexo, porque os homes non son tan atrevidos. E a nosa marca rompe os esquemas co colorido entón costa moito crear para home.

O final quen leva Lumecú ten que ir acorde coa ideoloxía da marca, "Recuperando o pasado para adaptalo ao día a día." E as mulleres soen ser mais creativas e arriscadas. Lumecú non se guía polas tendencias, ten o selo persoal.

WhatsApp Image 2024 12 04 at 17.25.02

Mercedes, muller emprendedora foi unhas das fundadoras da Asociación de Artesans da Limia "LIMIAR",  que se atopa no Museo Etnográfico da Limia, lugar onde expoñen e teñen a venda as súas creacións. Ademais de todo iso tamén confecciona traxes de Pantalla, porque como ela di:

Fago traxes de Pantalla, porque a Pantalla é tradición. Unha das miñas prioridades, da esencia do meu traballo é usar tecidos naturais, pero non todo se pode facer con tecidos naturais e menos na sociedade na que estamos, entón eu o que fago é crear traxes tradicionais. E a partir diso entra todo tipo de traxe tradicional entre os cales se atopa o traxe da Pantalla. O meu traballo é cultura, e o Entroido a nivel cultural esta demostrado que é a marca de identidade mais potencial dun lugar. Entón eu no meu taller non creo un traxe de Pantalla, creo a identidade da persoa que vai por ese traxe, xa que previamente facemos un estudo detallado, tratando de recuperar a esencia do traxe.

Lumecú deu comezo no 2019, no oleiro, xusto o Entroido anterior a pandemia, en Xpazo. Un coworking e centro creativo, que se atopa na rúa Curros Enriquez 26, lugar que recorda con moito cariño e polo que quixo que fixeramos o Café nel.

Comecei aquí e teño unha conexión vinculada as persoas que empezaron aquí en Xpazo, aínda que non as vexa durante moito tempo si que teño un agradecemento porque eu empecei aquí. Presentei aquí o traxe da Pantalla, eu aquí tomaba medidas, era o meu taller, a parte do da miña casa. Aquí fora o Entroido antes da pandemia, lémbrome que nese Entroido había moitisima xente, a xente tiña moitisimas ganas porque como era novidade, eu era unha novidade. A partir do meu dialogo creouse unha necesidade. 

A pandemia paralizou o mundo, pero tamén serviu de impulso para a creación e desenrolo de novas ideas, como foi neste caso. Xa cunha campaña a punto de saír, Lumecú tivo que botar o freo, pero iso serviulle para arrancar con mais forza.

Pois dada a situación, decidín crear prendas para que a xente cando saira deste horror quixera levar a rúa, queira sentir a cultura e recuperala. Porque nesa época creáronse campañas moi potentes de que "a Cultura non se toca", porque o que mais lle afectou o Covid era a cultura. Aí dinme de conta de que eu non facía soamente téxtil, que eu non era unha marca téxtil, senón que era unha marca de cultura, de turismo, cunhes valores de Galicia propios para expandir. E con isto chegaron os estampados, chegaron as muiñeiras...

O seu traballo e totalmente feito en España, o que lles ofrece unha garantía de calidade e coñecemento do produto. 

WhatsApp Image 2024 12 04 at 17.24.31

Mercedes ven dunha saga de mulleres costureiras, que lle inculcaron ese amor polos pequenos detalles e as cousas ben feitas. Estudou  deseño en Pontevedra, Vigo e realizou un máster para Vogue en Madrid. 

Isto todo son xeracións, a miña bisavoa por parte materna andaba ca máquina na cabeza cosendo polas casas, era costureira. Pola contra miña nai non sabe coser un botón e miña avoa menos, e dicir, a miña avoa di que sabe e non sabe (rise). Son xente que traballaron toda a vida e non tiñan a necesidade de pararse a coser un botón, sen embargo a miña bisavoa era a súa maneira de gañar o pan. Despois está por parte paterna, a miña avoa que si que era costureira, ela tiña a súa máquina, ela cosía, non cosía para afora pero si que cosía, despois esta a miña tía que si que coseu en fábrica. Eu recordo toda a miña vida, que os retais traiamos a miña tía, eu xa dende cativa non quería ser costureira, quería ser deseñadora.

Eu o que aprendín de costura era nos veráns, miña nai mandábame onde a costureira do pobo, entón ou horrorizaba a costura ou amaba a costura.

Agora que xa coñecemos un pouco mais a historia de vida desta muller emprendedora e con ganas de por en valor a cultura, xúrdenos a dúbida de onde ven "Lumecú", é un acronimo, son siglas, é un alcume?

Pois Lumecú ven, dinme conta fai pouco, fará un ano ou así (rise). Porque eu defendía Lumecú a capa e espada, porque é vagalume. Porque eu dicía Lumecú pero dime miña nai: "non filla non, lumecú óelo aquí na casa porque é unha palabra nosa". Miña nai incluso o vagalume chámalle "bichiño do caldo", porque cando era pequena dicía que era, que estaba facendo caldo; porque sempre iamos os venres camiñar ou os sábados, entón como cadraba a fin de semana, miña nai dicía que estaba facendo o caldo para a semana. (rise) Entón eu teño unha nostalxia con el que tristemente xa case non se ven.

O vagalume é un bichiño que, de feito é curioso, porque quen está quieta é a femia e quen boa é o macho, entón parece bastante curioso que sempre asociemos os insectos sen saber a orixe do insecto. Pero eu púxenlle Lumecú porque a min me gustaba lumecú, a parte meu avó, que é de Olelas da fronteira con Portugal, el tamén lle chamaba así.

Lumecú pouco a pouco vai crecendo e colaborando en proxectos como "Escolas Abertas", onde Mercedes da clases a persoas de diferentes lugares do mundo, ensinándolles os seus coñecementos sobre a confección do traxe galego. Esta oportunidade fai que as súas prendas poidan chegar ata Arxentina ou Venezuela. Outro dos proxectos é levar a costura, "Vestindo a Loaira", os institutos, a raíz diso naceu Loaira, unha boneca de trapo coas bases e tradicións galegas, feita en conxunto coa cooperativa Miudiño. O obxectivo deste proxecto é que os alumnos e alumnas aprendan a coser traxes para poder vestir a boneca.

Pero xa a nivel mais persoal, mais como marca, cal é o seguinte proxecto, como vai evolucionar?

O proxecto mais importante que teño, antes de acabar o ano, é abrir a tenda, en Vilar de Santos. Decantei a facela aí porque o mesmo tempo que me permite comunicación, contacto directo coa natureza, tamén che permite un lugar. O motivo de que eu me quede en Vilar de Santos é porqué, mais ala da miña parella, mais ala de que este criando o meu fillo alí, eu conectei coa xente que ven alí, moitos dos que nos levamos entre nos non somos de Vilar de Santos, encontramos como un lugar. Igual pola Arca (A Arca da Noe), igual pola xente nova que vive alí, igual polas iniciativas que se propoñen e que apoian pois sénteste cómodo. 

A idea é facer unha tenda-taller, na parte de adiante vai a estar a tenda e na parte de atrás vaise ver o taller. Na tenda vas poder vestir o traxe tradicional dos pes a cabeza, con zapatos, xoieira, complementos, todo, e no taller vas podernos ver traballar.

Despois dunha tertulia breve, pero intensa, cunha conversación fluída e enriquecedora, Mercedes convidavos a visitala na súa tenda, ver o seu traballo, e coñecer un pouco mais da nosa cultura e aprender un pouco sobre a costura e a preservación da nosa historia.

WhatsApp Image 2024 12 04 at 17.17.37 (1)