Antela A e B comenzan decembro en ascenso directo

Antela A e B comenzan decembro en ascenso directo


O mellor momento do Antela é hoxe.

O club arranca o último mes do ano co primeiro equipo líder (única praza de ascenso directo a Preferente) e co filial colocado na segunda praza (de ascenso directo a Primeira Futgal).

O Antela de Bruno Gómez tivo que remontar na Moreira diante dun sorprendente Viana que á hora de partido mandaba 2-3. Conseguiuno en dez minutos con goles de Joni, o revulsivo, e Jorginho, o nove que tivo dúas ocasións moi claras (a primeira sacouna o porteiro, a segunda, un defensa) e non perdonou á terceira. Antes, Óliver deu un recital de técnica no xogo aberto: anotando un gol coa zurda e outro coa dereita (este en libre directo).

Foi unha xornada na que gañaron todos os de cabeza e só caeu o Muíños (1-0, no minuto no infernal campo do Córgomo). O Celanova segue segundo, a tres puntos do Antela, e o Velle, a 9, xa é cuarto á caza do Muíños, terceiro con 25 e próximo rival dos de Bruno Gómez. No Antela, Peque estrouse como capitán, e Raúl e Felipe (en Liga) foron por primeira vez titulares.

Pola súa banda, o filial, cun tanto de Manu no minuto 72 gañou en Albán ao líder, o Coles, e colocouse segundo tras o tropezo do Francelos, que perdeu 2-1 en Taboadela. Os de Marcos Ruido están a dous puntos do líder, e toman dous de vantaxe sobre o Francelos e tres sobre o Raio21, que ocupan as prazas de promoción de ascenso. O Antela B, tras cinco vitorias consecutivas, recibirá a próxima semana ao Toén, que tamén vén en boa racha: só perdeu un dos últimos sete partidos.