Visita institucional a Limisi
Begoña Abeijón D.X de persoas con Discapacidade visitou as instalacións de Limisi en Xinzo
O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, acompañado polo tenente de alcalde e a concelleira de Servizos Sociais, recibiu esta mañá a Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade, e a Patricia Torres, deputada provincial de Políticas Sociais, nunha visita ao Centro Ocupacional Limisi.
O obxectivo deste encontro foi coñecer de primeira man o funcionamento do centro, fundamental no apoio a colectivos vulnerables e no desenvolvemento social e rural. Limisi destaca pola súa implicación e servizo, que transcende os límites municipais para chegar a toda a comarca e, en moitos casos, tamén a nivel provincial.
A concelleira Ángeles Martínez subliñou a importancia destes centros, afirmando que “o traballo de Limisi é imprescindible, non só para as veciñas e veciños de Xinzo, senón para toda a Limia. Son referentes na atención ás persoas con diversidade funcional e no impulso de proxectos de inclusión e desenvolvemento social. Desde o Concello seguiremos colaborando e atendendo ás súas necesidades para garantir que continúen co seu labor tan valioso.”
Durante a visita, os representantes públicos tiveron a oportunidade de dialogar cos equipos de traballo e recoller as súas demandas, co compromiso de reforzar as accións que melloren os recursos e servizos dispoñibles.