Tarde difícil para o Antela onde saíu victorioso
O repertorio do Antela sempre ofrece solucións.
O Antela gañou en Muíños (0-2), distancia en 6 puntos ao Sporting Celanova, segundo, e en dez ao terceiro e cuarto clasificados, o Muíños e o Nogueira; e rematará o ano con dous partidos na Moreira -diante do Seixalbo e do Monterrei- coa tranquilidade de saber que o obxectivo está ben encamiñado despois de 14 partidos no que foi o mellor equipo da Liga do Grupo IV de Primeira Futgal.
Nesta altura, só o Burela, entre os seis grupos, ten unha posición máis cómoda (8 puntos sobre o segundo). A competición non está sendo un paseo, mais o Antela acaba superando aos rivais nas tardes boas e nas menos boas.
Onte en Muíños, estivo sometido polo equipo local durante máis dunha hora de partido. Así e todo, o repregue do Antela fronte ao fútbol directo e físico do Muíños tampouco concedeu demasiadas opcións de gol, apenas un remate ao pau de Bruno Pío mediada a segunda parte. O Muíños foi máis perigoso polas indecisións de defensa do Antela na primeira metade.
Empurrando, máis intenso, cun Juáncar que dominou el só a frontal da área local, con Lamelas medindo mellor o campo e os esforzos, o Muíños foi avanzando diante dun Antela tímido, que tardou moito en pisar a área local, e perdeu confianza polos erros atrás. Acabouse xogando ao que quixo o Muíños. Os de Bruno, cando se calmaron, buscaron a Joni na banda e a Antón -o nove en ausencia de Jorginho- e toparon as carreiras de Pedro e Óliver para rematar a primeira metade con mellores sensacións.
Tralo descanso, a primeira ocasión que tiveron Joni, Tiago e Óliver para combinar acabou nun remate cruzado de Cole que chegou a área desde o lateral -a posición na que regresou onte ao once-. Suso, que xa non é o do Antela, nada puido facer. Co 0-1, o Antela pareceu serenarse e Joni estivo a piques de sorprender de novo ao meta local. O Muíños acusou o golpe, mais os limianos non mataron o partido.
Apareceu no partido Borja -outro ex do Antela- e os locais apostaron todo á corpulencia e experiencia de Varandela e o exgoleador do Antela, que tivo que traballar moito en defensa: con Breixo, Caneiro e Boán pechando o centro e Lois e Tiago, que tiña serias dificultades na esquerda e terminou pola dereita, nos laterais.
Bruno Gómez respondeu con Anxo e Dinís, buscando os balóns profundos. Pero o Antela cedera xa moito campo e os rexeites non foron precisos. Anxo cazou un deles e puido pechar o partido. Dinís cazou outro e Suso cometeu penalti. Tirouno Breixo poñendo fin a pelexa.
O líder volveu demostrar que ten moitas maneiras de gañar. Na Moreira grande, ou en campos pequenos como a Moreira de Muíños, onde os rivais preparan trampas e trampas mais o repertorio do Antela sempre ofrece solucións.