Marcha en defensa do Monte Grande

Marcha en defensa do Monte Grande

Nova ameaza eólica 3 anos despois 

A plataforma STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA fai un chamamento aos colectivos ambientalistas de Ourense e á veciñanza das comarcas da Limia e das Terras de Celanova para manifestar o seu rexeitamento ao proxecto de macropolígono eólico denominado Cantanarrás, entre os concellos de Bande e Verea e con afeccións tamén ao de Rairiz de Veiga, incluíndo as Reservas da Biosfera Xerés-Gerês e de Allariz, e con impactos severos sobre as augas e o patrimonio natural e cultural da zona do Monte Grande, onde xa foi rexeitado na avaliación ambiental un proxecto anterior.

Malia as reiteradas demandas dos colectivos ecoloxistas do país de que se implante unha moratoria eólica até que se reforme o Plan Sectorial Eólico de Galiza, mesmo nas área de aproveitamento eólico, como esta do Vieiro, onde xa se rexeitaron polígonos de produción eólica, se seguen admitindo novos plans. Tal é o caso do denominado P.E. Cantanarrás, que aparece no Rexistro Eólico (oficial), situado no Monte Grande.

ANDAINA mONTE gRANDE 1

Este sábado, desde as 10 da mañá, e con punto de encontro na Igrexa de Sanguñedo (Verea), celebrarase unha andaina en defensa dos valores naturais, culturais, paisaxísticos e sociais do Monte Grande, para alertar de novo ás autoridades competentes da desfeita que suporía a construción nesa área dun polígono de 10 aeroxeradores de case 200 metros de altura, a escasos quilómetros da Veiga de Ponteliñares, rodeando a Lagoa Grande (humidal inventariado este mesmo ano) e sobre unha carballeira centenaria de 1.500 hectáreas que visitará a marcha.

A cita servirá ademais para contestar outro proxecto: o denominado P.E. Arnoia que proxecta os aeroxeradores máis altos do país (220 metros) nos montes que separan o Arnoia do Miño en Cartelle. A plataforma STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA xa puxo a disposición da veciñanza un escrito de alegacións contra este proxecto e comezou a campaña de recollida e rexistro de alegacións, que ten de prazo até o 16 de xaneiro.