Valoración positiva no cambio de financiación dos concellos por parte da Deputación

Valoración positiva no cambio de financiación dos concellos por parte da Deputación

 “O traballo do Grupo Provincial Socialista conseguiu que se adoptase un novo plan que ten un impacto directo na vida de municipios coma o noso e nas condicións da nosa veciñanza”, di Aquilino Valencia.

“A aprobación do Plan CooperOU supuxo un cambio substancial para concellos pequenos coma o noso, xa que nos permite levar a cabo obras moi necesarias para os nosos veciños”, sostén Aquilino Valencia, alcalde de Calvos de Randín.

Segundo o rexedor, “co cambio de ciclo e o inicio do novo mandato na Deputación de Ourense, grazas ao traballo do Grupo Provincial Socialista conseguiuse que quen manda adoptase por fin un novo plan de financiamento que ten un impacto directo na vida de municipios coma o noso e nas condicións da nosa veciñanza”.

Valencia fixo estas declaracións en presenza de deputadas e deputados do Grupo Provincial Socialista na corporación provincial, de visita en Calvos de Randín no marco dunha xira polos concellos ourensáns co obxectivo de avaliar o impacto do mecanismo de reparto de fondos entre concellos sobre a base de criterios obxectivos posto en marcha pola Deputación (CooperOU).

Da man do alcalde, deputadas e deputados socialistas constataron o estado de avance de varias obras e proxectos, coma no pobo de San Martiño de Castelaus. “Aquí puidemos inaugurar unha obra necesaria desde hai moito tempo, pero que non puidemos levar antes a cabo debido ás condicións económicas que nos viñan impostas desde a Deputación, que facían que non dispuxeramos de recursos a tal efecto”, subliña Aquilino Valencia.

Máis recursos para os concellos da provincia

Con cargo a devandito plan de financiamento provincial, o concello de Calvos de Randín recibiu ao longo de 2024 un total 296.598 euros, fronte aos apenas

75.000 euros que lle foron asignados no anterior exercicio económico. “Os alcaldes estamos moi satisfeitos de poder ter recursos dispoñibles e saír da ditadura total que tiñamos hai uns anos (na Deputación)”, sentenzou o rexedor socialista.

Malia que os Orzamentos 2025 da Deputación de Ourense contemplan unha suba na asignación para o Plan CooperOU con respecto ao 2024, o Grupo Provincial Socialista considera o incremento “insuficiente”, demandando máis recursos na partida destinada ao financiamento dos concellos.

O voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila, destaca “o pobre” do incremento na partida do CooperOU en comparación cos recursos totais do orzamento, “que aumentaron case que dez millóns de euros con respecto ao ano pasado”.

Neste senso, o PSdeG-PSOE acadou o compromiso do grupo de goberno para dotar con varios millóns de euros suplementarios o Plan o na modificación de crédito a realizar o vindeiro mes de febreiro e “seguir a mellorar as condicións dos nosos concellos”, dixo Vila.