Homenaxe ao gaiteiro de Laroá
Juan Ferreiro Ferreiro será homenaxeado este venres en Xinzo
O Concello de Xinzo de Limia, xunto coa familia Ferreiro, organiza un emotivo acto de homenaxe a Juan Ferreiro Ferreiro, o recoñecido "Gaiteiro de Laroá". Este venres, 13 de decembro, ás 19:00 horas, unha aula da Escola Municipal de Gaitas levará o seu nome, en recoñecemento á súa inestimable contribución á música tradicional galega.
Juan Ferreiro Ferreiro, nado en Laroá en 1915, dedicou a súa vida á gaita, instrumento que herdou do seu pai e que dominou á perfección grazas ao seu oído musical excepcional. A pesar de non ter formación musical formal, compuxo numerosas pezas que se converteron en clásicos da música galega, como o "Canto de Nadal de Laroá" e a popular "Rumba de Laroá".
Un legado musical imborrable
O seu legado musical transcendeu xeracións e inspirou a numerosos músicos. Grazas á súa habilidade para transmitir o seu coñecemento e paixón pola gaita, a súa música ensínase en escolas e conservatorios de toda Galicia.
Un acto cheo de emoción
O acto de homenaxe contará coa participación de familiares, amigos e representantes institucionais. Interpretaranse pezas compostas por Juan Ferreiro Ferreiro e descubrirásese unha placa conmemorativa na que se gravará o seu nome e unha partitura da "Rumba de Laroá".
Falarán o director da Escola de Gaitas do Concello de Xinzo de Limia, Fernando Dopico; e o bisneto do homenaxeado, en nome da familia Ferreiro.
Concluirá o acto, no que estará presente o concelleiro de Cultura do Concello de Xinzo de Limia, Carlos Gómez Salgado De Vedmar; coa interpretación de varias pezas de Juan Ferreiro, da man do grupo "Tarde piache", integrado polo fillo do homenaxeado, Jerónimo Ferreiro