100 anos do descubrimento da "Arracada de Vilar de Santos"

100 anos do descubrimento da "Arracada de Vilar de Santos"

Descubriuse en 1924

De finais do ano 1924 datan as primeiras noticias sobre a aparición, á beira da lagoa de Antela, dun “trozo de alhaja ibérica”. Trataríase da arracada de Vilar de Santos, exemplar singular da ourivaría castrexa datable arredor dos séculos III-II a. C. Responde a un tipo de xoias áureas ben coñecidas e do que se conservan diversos exemplares próximos cos que se relaciona directamente, tanto polo seu aspecto formal, como pola técnica e pola decoración.

Presenta un deseño arriscado pola dificultade na súa execución, así como unha minuciosa e detallada elaboración cunha sorprendente decoración volumétrica aplicada que complementa aqueloutra realizada directamente sobre a propia lámina que dá forma á estrutura.

Na súa elaboración combínanse técnicas construtivas e decorativas cun longo percorrido, presentes algunhas xa nas primeiras manifestacións da ourivería peninsular (laminado, levantado, repuxado, puntillado...), con outras que precisan dun alto dominio técnico (obtención de glóbulos e fíos, soldadura, granulado, filigrana...), ausentes nestes territorios ata avanzada a Idade do Ferro e que se presentan como produto das relacións mantidas con culturas mediterráneas.

Incrementa a singularidade da peza limiá a presenza de determinados motivos decorativos aplicados: campánulas, glóbulos”, espiras, etc., pero, e dun xeito especial, as representacións zoomorfas, tan escasas na ourivería castrexa. Trátase da figura dun ornitomorfo (patiño) en vulto redondo e de dous prótomos afrontados doutra ave acuática. Ámbolos dous motivos agochan un profundo significado simbólico que nos estaría falando dun culto solar. O crecente luar que dá forma á parte superior da arracada parece habelo que interpretar como unha representación antagónica á das aves acuáticas.

Pero a xoia limiá conserva aínda moita información que haberá que ir descubrindo co avance da investigación, tanto mediante a aplicación de avanzados métodos laboratoriais, como por mor de novos descubrimentos que nos poida proporcionar a arqueoloxía.

Todo isto fainos concluír que a arracada de Vilar de Santos é unha peza de singular valor patrimonial que ilustra unha parte importante da historia limiá e que, ao igual que sucedía no mundo antigo, dispón na actualidade dun valor simbólico e de identidade social e cultural.

Bieito Pérez Outeiriño


Presidente do Grupo Marcelo Macías