XOSÉ LOIS BREA SANMARTÍN: ESPECIAL NADAL
Persoalmente estou noutro grupo que tamén cómpre definir, somos os “Carpetovetónicos” ou “Xurásicos”; estes fósiles, entre os que me atopo, son monárquicos a máis non poder en canto aos Reis Magos (noutras lerias non me meto); polo seu parecer as luces serían como as de antes, coas lámpadas pintadas de distintos cores, e para iso sen moito exceso; non existirían os medios acústicos pendurados de canto balcón dean collido atronando; non, habería iso si, concertos e cánticos de tales datas en moitos lugares, dende templos ata prazas, dende rúas nas cidades ata cruces de camiños nas aldeas; cantando os veciños polo gusto de repetir o que nos cantaban os devanceiros, e non por ir a realizar calquera tipo de competición.
Hai para tódolos bandos, quen ama o Nadal, quen o aborrece, e outros que pasan por distintos estados anímicos; entendo que se che morreu alguén moi querido nestas datas, o botes en falta, xa o ías facer aínda que non fose por aí, pero se a maiores, coincidiu con estes días, ao mellor non estás no máis óptimo dos humores.
Existe un grupo moi amplo que podemos denominar “Os Posturas”, tanto dá, para unha banda como para outra. O primeiro grupo de “Os Posturas” son os que esixen que sexas feliz a máis non poder; o resto do ano fai o que che pete, pero dende que se canta a Lotaría ata o de Reis, e incluso moito antes, todo ten que ser bicos, ledicia, risas e choutos aínda que non vaian moi coordinados. Os publicistas das grandes empresas, que non son lelos, aproveitaron este sector de xente para acurtarnos a vida, sabedores que entrarán a saco nas súas campañas. Acabas de volver da praia, aínda estás a lavar os traxes de baño para gardalos ben o resto do ano; baixas a tomar unha cervexa fría, fría, que bate Lourenzo sen que lle minoraran as forzas, e no primeiro escaparate dunha tenda das grandes, xa te atopas de fociños co Papá Noel, os renos, os bonecos patinadores, e as folerpas brancas.
As Administracións locais tamén xogan a favor de tal xente, se antes as iluminacións, entrañables, acendían máis o menos o día da Lotaría, e logo se retiraban ao día seguinte ao de Reis; agora non, agora, todo mandatario de concello quere competir co de Vigo, apostando supoño por ver quen gaña a deixar máis cegos e xordos, que as panxoliñas poden estar, sete ou oito que moita variedade non teñen, rosmando, a nivel tortura, dende as nove da mañá, se son discretos, ata as doce da noite, aínda que sexa día de semana e de traballo, e por tanto procuran ter acendida as iluminacións, moitas máis propias de cabarés e para iso de capa baixa, e a acústica posta, mínimo o día 1 de Decembro, senón xa hai protestas.
O segundo grupo de “Os Posturas” son os que aborrecen o Nadal, pero non por unha causa concreta, ou feito como co que comecei este artigo de Nadal; non, eles están anoxados con estas festas porque lles peta, porque lles sae de dentro, porque non poden admitir que a xente queira ser feliz uns días hipocritamente (segundo a súa versión); ou porque lles amola que haxa máis xente e non poidan ir ao seu ritmo cotián por unha beirarrúa ou por unha corredoira que tanto ten.
Persoalmente estou noutro grupo que tamén cómpre definir, somos os “Carpetovetónicos” ou “Xurásicos”; estes fósiles, entre os que me atopo, son monárquicos a máis non poder en canto aos Reis Magos (noutras lerias non me meto); polo seu parecer as luces serían como as de antes, coas lámpadas pintadas de distintos cores, e para iso sen moito exceso; non existirían os medios acústicos pendurados de canto balcón dean collido atronando; non, habería iso si, concertos e cánticos de tales datas en moitos lugares, dende templos ata prazas, dende rúas nas cidades ata cruces de camiños nas aldeas; cantando os veciños polo gusto de repetir o que nos cantaban os devanceiros, e non por ir a realizar calquera tipo de competición. Obviamente o Papá Noel sería desterrado, xunto cos renos, por aquelo do benestar animal, non vaian dicir logo que os separamos; e as festas, como poderán albiscar, comezarían coa Lotaría, e acabarían o Día de Reis, sen que nos acurten a vida; prohibida todo tipo de publicidade agás as xornadas comprendidas nesas datas, así como a iluminación. Habería iso si, por Lei, a obriga de que as fontes estiveran todas cheas de auga, aínda que houbera seca (como se as temos que encher con auga mineral, con gas natural que non se diga), a noite dos Reis para que os camelos poidan beber, ben merecido o teñen; e en determinados puntos que os veciños deben escoller, chupos de licor café para as Súas Maxestades, con moderación, que serán moi magos pero non é cuestión de que teñan algún accidente.
Lembro ver entrar os barcos mercantes no porto de Vilagarcía, ao tolo para chegar á cea do día 24; aos camioneiros dando gas, indo cara Lalín, cando aínda non había autovías regresando de Francia ou Suíza para o mesmo; lembro, que todos temos familia emigrante, ir co meu pai a recoller a algúns tíos a Lavacolla tal xornada, volvendo de Londres para poder pasar aquí as festas cos seus; lembro ver en Xinzo algún que viña dende Suíza en moto para lograr estar en tal data, porque perdera as conexións que tiña programadas, con media Europa nevada (que valor ou que pouca precaución).
Por todos eles, dos que lembro e dos que non, dende o Centro Social de A Filgueira (Porqueira), erguendo un vaso de viño (home non!), dende un corazón xurásico: BO NADAL E FELIZ ANINOVO cos meus mellores desexos para tod@s.