O Antela afianzase no liderado

O Antela afianzase no liderado

A próxima cita diante do Monterrei pechara o ano 2024

O Antela é un martelo. En días así non precisa moitos enfeites para machucar o que se poña por diante. Onte saíu frío, como a tarde, coa calma e coa paciencia que reclamara o adestrador durante a semana. Mais frío, pouco intenso, até caer na lentitude na circulación do balón e deixar que o Seixalbo, concentrado en se defender, se estirase e mesmo dispuxese da ocasión máis clara da primeira metade, que salvou Bruno Pío xogándose a cara.

Antes, Antón -de novo como falso nove- e Óliver tiñan levado perigo até a área visitante. Sen resultado. O Antela empezou a sufrir pola banda de Peque, enfrontado a un xogador que o superaba no físico. E despois no medio, onde Caneiro e Xabi foron cedendo a posesión e campo… Tanto que o Seixalbo, que viña a non saír goleado, puido pensar en metas maiores.

Pero o Antela é un martelo. Non foi un traballo fino, pero a base de golpear acabou encontrado a Joni, que abriu a banda dereita en ataque. Por aí chegou o gol. Joni percutiu, moveu á defensa, cedeu o balón ao centro para Lamas, que mandou un balón chovido á area, o meta visitante dubidou e Pedro foi máis listo e resolveu de cabeza.

WhatsApp Image 2024 12 16 at 20.42.13 (1)

Tralo descanso o Antela saíu algo máis vivo; e o Seixalbo, medio derrotado. O martelo seguiu golpeando, e así apareceu Óliver cruzando a área. Penalti. Gol de Breixo que leva tres penas máximas convertidas e iguala co Pedro como máximo goleador do equipo (6). Unha hora de partido e pouco brillo no xogo local, pero o traballo estaba feito.

Case sempre o rival dá unha última rabexada. A do Seixalbo foi unha xogada de dianteira que deixou un home só diante de Bruno Pío. Mais fallou. O Seixalbo reactivouse con cinco cambios en dez minutos, e pelexou cara a cara. Non lle alcanzou para marcar, pero pode que iso evitase a goleada. O Antela respondeu renovando o tridente. Con Anxo, Jorginho e Dinís a ofensiva acelerouse e houbo ocasións para ampliar a vantaxe.

Despois debutou Pitu esta tempada, e Aarón o tivo os seus minutos. Os adestramentos tamén son Liga -ás veces, media Liga, como di o capitán- e pola semana hai xente que vai gañando peso no equipo inda que non luza demasiado o domingo. Eles tamén son martelo.

O Antela leva 8 puntos ao segundo (o Celanova) e mantén os 10 sobre o Muíños e o Nogueira, terceiro e cuarto. Sumou o 84,4% dos puntos en disputa e anotou 35 goles, máis que ninguén, a unha media de 2,3 por partido. Son os números dun martelo.

WhatsApp Image 2024 12 16 at 20.42.13

EN MEMORIA

Antes do comezo do partido, gardouse un minuto de silencio en memoria do exfutbolista do Antela, Sixto Airas, falecido hai dúas semanas, xogador do club a finais dos anos setenta; e do expresidente José Manuel Peralta Corderí, designado presidente do Antela en xuño de 1984 en substitución de Manuel Gómez Colmenero, con quen o club alcanzara o ascenso a Rexional Preferente na Liga 18983-84 por vez primeira na súa historia. José Manuel Peralta Corderí era natural da Saínza e naquela altura era director dunha sucursal bancaria en Xinzo de Limia. O club viviu a súa época dourada, xa que conseguiu manterse durante seis tempadas consecutivas na Preferente.