O Antela inicia as vacacións de Nadal gañando
Antela 3 - Monterrei 1
O fútbol volvera o 12 de Xaneiro
O terceiro gol, o de Joni, o último do ano, resume o partido de onte na Moreira. Tiago, que entrou mediada a segunda parte, saltou e roubou un balón na banda esquerda e conectou de primeiras con Óliver, que cunha finta aclarou o campo. Pasou o balón ao centro e Pedro, descolgándose da posición de nove, cedeu de tacón para Cole, que viña en carreira e ameazou desde a frontal antes de meter un pase en profundidade para Joni, lanzado, que lle gañou as costas a defensa. Man a man na área, remate e gol. Todo en 12 segundos.
O Antela desbordou ao Monterrei ao principio e ao final do partido. No arranque, anotou dous goles. Un de penalti (Breixo) e outro tras roubo, pase e definición: obra conxunta de Jorginho e Carlos, a parella de puntas, o novo rexistro limiano en ataque. Carlos, que se estreaba nun partido oficial co Antela, tardou 9 minutos en marcar o seu primeiro gol. Jorginho, que demostra intelixencia e compromiso co colectivo, liderou onte unha manada de lobos que asoballou ao Monterrei en quince minutos feroces que decidiron o choque.
Jorginho é un dianteiro intenso e rochoso, que esconde a súa punta de velocidade e unha técnica notábel, e sabe xogar ao que toca. Onte cavou unha trincheira entre a defensa e o mediocampo rival para reducir o partido a unha cacería. En batallas así sempre se conta con Pedro, ademais apareceron Óliver, Carlos, Xabi Lamas e mesmo Cole desde o lateral zurdo, mentres na outra banda Peque empezaba o seu baile particular con Ngom, unha dor de cabeza, o único visitante que se resistiu á derrota xogando ao fútbol.
Jorginho recibiu a Carlos cun agasallo que rematou en gol aos 9 minutos. Era o segundo do Antela. Antes Breixo tirou un penalti que non bloqueou Quintas. Entón, o técnico visitante ordenou ao meta que pedise asistencia mentres reunía o equipo na banda para frear a desfeita. Co Antela saciado co 2-0, o Monterrei viu a ocasión de cambiar o partido. Pechouse mellor polo centro e deu en xogar en largo. Cole e Peque fixeron o posíbel por soster a ofensiva estirando o seu campo de acción, mais os locais non conseguiron matar o partido.
Na segunda metade o Antela saíu a protexerse con menos desgaste e o Monterrei puido respirar e atopar unha saída a través de Ngom. Á hora de xogo, Bruno Gómez cambiou a Jorginho por Joni para sacudir o partido. Despois Teixeira supliu a Carlos e Cole avanzou ao medio. Desde atrás, con espazos, con Óliver, Pedro e Joni á carreira, o Antela dispuxo de ocasións moi claras, pero topou con Quintas. Levou vinte minutos derrubar de novo o muro. Mais acabou por caer nun dos arranques dos lobos.
O Antela marcha de vacacións -até o 2 de xaneiro- con números rotundos e a sensación de que o equipo ten cairos para grandes festíns. Suma 35 goles e o 85,4% dos puntos, once de vantaxe sobre o segundo (o Celanova, que onte caeu contra o Polígono). Só o Burela e o Puebla (cun partido menos) suman tamén 13 vitorias, mais non hai líder máis sólido na categoría que os limianos, que xa saben que, pase o que pase, chegarán líderes até febreiro… o obxectivo, claro, está máis alá.