Confirmanse os rumores desta última semana
Aparece en Piñeira parte da fonte da praza Maior de Xinzo, desaparecida nos anos 70
O achado da fonte demostraría que un veciño de Piñeira acometeu expolio contra o pobo de Xinzo, co que podería chegar a pagar unha multa de case 300.000 €.
Este ano a fonte da Praza Maior de Xinzo non deixa de dar de que falar!
Esta mesma mañá mesmo o Dende A Limia confirmou por parte do Xefe do servizo de arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do que xa vai días se viña especulando en certos mentideiros políticos da Xunta , dunha substanciosa nova que deixará a tódolos veciños e veciñas de Xinzo anonadados.
Logo da grande acollida que tivo a posta da replica da fonte na Praza por parte do Concello, fonte que fora retirada a redores dos anos 70, Roberto Pena informou ó Concello de Xinzo que a empresa encargada das escavacións que se están a facer no lugar de Piñeira, atoparon, o que todo apunta, a extinta fonte, que finalmente non se atoparía en Celanova, como moito se fala e falou na nosa vila.
Eduardo Velázquez, cualificado arqueólogo confirmaba o Dende A Limia, que coas primeiras catas arqueolóxicas realizadas durante as semanas pasadas pódese concluír que, efectivamente, o achado apunta a que a fonte se atopa desmontada e cuberta por maleza, pero nun perfecto estado, nunha eira privada do pobo de Piñeira.
“Como achado arqueolóxico non ten maior importancia” relata Velázquez aínda que si apunta que: “dado a importancia social que está a ter a fonte de Xinzo, que mesmo se fixo unha de cartón pluma, vinme na obriga de informar o Concello do atopado en canto os resultado das catas foron concluíntes”.
POSIBLE RECLAMACIÓN XUDICIAL
Así mesmo, dado que a fonte se atopa en solo privado, o autor do proxecto e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informaron da imposibilidade de recuperar a fonte sen antes abrir dilixencias contra o propietario da eira, cunha denuncia pola vía penal segundo marca a lei 16/1985 do 25 de Xuño, do Patrimonio Histórico Español, considerándose neste caso espolio contra o pobo de Xinzo, co que podería chegar a pagar unha multa de case 300.000 €.
NIN O GRUPO DE GOBERNO NIN DA OPOSICIÓN AFIRMAN NIN NEGAN OS FEITOS
O Dende A Limia quixo pórse en contacto con Amador Díaz, alcalde de Xinzo e ademais veciño de Piñeira, para saber cal será, por parte do Concello, os pasos a seguir para recuperar a fonte.
Amador Díaz lamenta “moito este infortunio por parte dun veciño do seu propio pobo” e síntese mesmo culpable do asunto pois “tiña constancia desde que era novo, pois as pedras esas xa estaban alí cando eu cheguei de Alemania pero, claro, nunca pensei que esas pedras ían ser a fonte de Xinzo”. Segundo aclara Amador Díaz “poremos o asunto nas mans Luis Fernández, o avogado do Concello, que será quen leve a causa para recuperar o antes posible a fonte, esperemos que sen ter que chegar á xustiza”.
Dende a oposición e, concretamente, a portavoz do PSOE Xinzo, Elvira Lama, lamenta o tempo que se tardou en atopar a fonte pois ela, segundo declarou a este medio, xa tiña información de primeira man desa posibilidade e mesmo deixou un documento e cito: “ao alcalde Amador Díaz, co anteproxecto de recuperación dos posibles restos perdidos da fonte emprazada na Praza Maior ata os anos 70, e inclusive a axuda económica apalabrada dende o Instituto do Patrimonio Cultural de España para levar adiante a actuación."
O BNG non quixo facer declaracións ó respecto gardando a salvedade de que, en palabras de Camilo Vila: “temos que sermos conscientes das inquedanzas da poboación da vila, e non só pensar en populismos."
Réplica en cartón feita pola concellería de Cultura que tanto éxito acadou e alegría provocou nos veciños da vila.
O BNG está e estará sempre a favor de recuperarmos o noso pasado e o noso patrimonio cultural pero cecais, a fonte na Praza Maior non sexa o mellor emprazamento agora mesmo, por iso, dende o Bloque Nacionalista Galego pedimos un novo referendo para, unha vez recuperada a fonte, sabermos cal sería o mellor emprazamento dela para as veciñas e veciños da vila”, segundo unha nota de prensa achegada pola portavoz do partido e premiada nos II Premios da Cultura do Concello de Xinzo de Limia Mirian Opazo.
O portavoz do PP Xinzo, coaligado con Axil e tenente de alcalde do noso Concello, Antonio Fernandez asegura que: “el estará totalmente de acordo coas decisións do alcalde, que pa iso é o alcalde”. Pola contra e como é costume, calquera intento de comunicarnos co Concelleiro de Cultura e responsable da replica en cartón pluma da fonte durante o día de onte, foi infrutuoso, seguramente polo grande axetreo que esta a levar consigo o Nadal para esa concellería, destacando a Gala da Cultura celebrada onte a noite.
Malia a consulta cidadá que se está a levar polo Concello para a recuperación da fonte, onde nostálxicos ven unha excelente iniciativa por parte do goberno mixto do Concello, outros veciños, entre eles respectados propietarios hostaleiros non ven tan claro esta acción pois “suporía perder espazo para as terrazas no verán. Si sacaron a fonte agora, pola outra vez, paréceme unha tontería e gastar cartos nunha cousa cando logo hai outras que están sen arraxar!” relata anonimamente unha veciña.
Agora, con este achado, cada vez está máis claro que queira ou non a veciñanza da vila, a fonte, antes de acabar a lexislatura volverá a estar no seu sitio.