Gala contra o Cancro 2025

Música, maxia e baile nunha gala solidaria e “family friendly”

Música, maxia e baile nunha gala solidaria e “family friendly”

A cita será o vindeiro domingo 12 de xaneiro, ás 12.00 horas no Auditorio Municipal de Ourense.

Son oito anos enchendo o auditorio municipal grazas a esta cita solidaria que reuniu a referentes do mundo da música, a danza, o humor e a interpretación. Despois de recibir a artistas como Susana Seivane, Lucía Pérez, Emilio Rúa, Daniel Minimalia, Luís Emilio Batallán, Rosa Cedrón, Guadi Galego, Xosé Manuel Budiño, Lys Pardo, Monoulious DOP, Xabier Vizcaíno, Xestreu, Andrea Pousa, Davide Salvado, O Sonoro Maxín, Sabela e Lucía Rodríguez entre moitos outros, este ano, a celebración terá lugar o domingo 12 de xaneiro no Auditorio da cidade.

Magoteto cartas boca Red

Dende comezo destas festas de Nadal, a organización do evento xa puxo as entradas á venda en diferentes puntos da cidade: a Asociación Española contra o cancro de Ourense, a estación de servicio Mariñamansa, a estación de servizo Pérez Rumbao, La Central Heladera, Saudeter Ourense e o Café Bar Cento5 en Seixalbo. Un ano máis, o organizador do evento, David Rodríguez insiste: “Este ano queremos seguir enchendo o Auditorio como nas pasadas edicións, tendo un novo horario e xornada que permite tamén, ós máis cativos, achegarse ao evento”.

Logo de oito anos, a Organización ofrece unha variedade de estilos e propostas artísticas para todos os públicos. O Grupo de Baile Saudeter Ourense serán as responsables da danza desta gala presentando o urban como estilo abandeirado e prominente nesta agrupación. Tras a súa colaboración co referente galego do trap, Ortiga e como colaboradora e presentadora habitual de programas de televisión, a artista Pili Pampín volve formar parte do cartel, xa que na pasada edición non puido por mor dunha enfermidade vírica. Cando comezou a cantar Pili, alá polos comezos da década dos noventa, nace Tania Veiras, outra das cabezas de cartel desta edición. Cantante, presentadora de espazos de televisión e produtora musical, o seu repertorio é do máis variado e compartiu en varias ocasións, escenario con Pili Pampín. E para finalizar coa proposta musical, os Gin Toni´s, un grupo que versiona grandes clásicos da música española con raíces ourensás e tamén da Ribeira Sacra, porán o broche final a este evento. E dende Viana do Bolo, un dos magos máis coñecidos de toda Galicia: o mago Teto. A gala estará conducida polas comunicadoras e presentadoras Lucía Regueiro e Lucía Veiga.

GinTonis red

A Gala contra o Cancro conta co patrocinio de Concello de Ourense, Auditorio Municipal de Ourense, Deputación de Ourense, Abanca, Clínica Dental Parracía e Pérez Rumbao e a colaboración de Abella Creativa, 20 de Vyrras, Aleuto Medios Dixitais, Grupo Cuevas, Bodegas Gallegas, Redeiras, OSI Gourmet, Coren, Saudeter, Agapé Liceo e Estilo Único.